Comedores en Pontevedra: Afirmacións aventuradas que confunden

Non, non se corresponde coa realidade nin é conveniente confundir: a día de hoxe as condicións para prestar os servizos de comedor e madruga fanos inviables e seguen suspendidos. O nivel de demanda, unha vez finalizado o prazo de preinscrición non é a clave fundamental, só é un dato cuantitativo.

Lembramos que nos vemos obrigados a que Educación nos dea seguridade, concretando o protocolo dos centros educativos para o caso dos comedores. Neste momento non é posible nin redactar o protocolo dos servizos para que poida ser aprobado polos comités Covid dos centros porque sería pura especulación sen garantías.
Aínda que reclamamos unha rectificación máis acorde coas nosas declaracións, o propio desenvolvemento da noticia, con inexactitudes incluídas, xa confirma que o titular de prensa do DiariodePontevedra sobre unha hipotética solución lograda, non ten apoio nas declaracións da FANPA.

Sen necesidade de especular, calquera noticia sobre o arranque e funcionamento dos servizos escolares será comunicada ampla e formalmente desde esta páxina e a través da nosa rede de asociacións de nais e pais dos centros educativos.