COMUNICADO DA PLATAFORMA EN DEFENSA DO ENSINO PÚBLICO
A Plataforma en Defensa do Ensino Público integrada polas organizacións (CCOO, FETE-UGT, CONFAPA, Sindicato de Estudantes, IESGA e Escola Viva) representativas do sector educativo quere facer o seguinte comunicado:
Un ano máis a aplicación das medidas que se derivan dos brutais recortes no ámbito educativo decretados polos Gobernos do Partido Popular están a provocar situacións alarmantes en toda a comunidade educativa, e poñen en perigo o ensino público, atacando a igualdade de oportunidades e retrocedendo nos avances conseguidos nas últimas décadas no modelo educativo do noso país.
Desde a chegada do goberno do Partido Popular repítese de xeito constante o feito de que cada curso comeza cunha perda importante de profesorado e un incremento da temporalidade do mesmo, aos máis de 250 profesores suprimidos e desprazados debemos engadir a non cobertura das vacantes producidas por xubilación o que esta a provocar un aumento das taxas de interinidade que pasaron dun 4,8% a cifras próximas ao 10%, feito que temos denunciado de xeito reiterado e ao que a Consellaría resposta negando esta evidencia. Todo isto leva aparellado un incremento da afinidade que fai que mais de mil docentes teñan que impartir afíns, así como a mobilidade entre corpos.
Con todas estas medidas suprímense todos os elementos de calidade que proviñan da LOXSE (atención á diversidade, reforzos, desdobres…).
Hai que facer unha mención concreta e especial ao peche de unidades de infantil e primaria, que este ano serán 74 unidades menos, transformando escolas pequenas en unitarias pasando a ser atendidas por un só docente (non hai especialistas para estes rapaces) en algúns casos con 20 alumnos/as de diferentes idades de infantil e primaria.
Este inicio de curso ven marcado pola implantación da LOMCE que como xa viñemos denunciando supón un marcado retroceso. O obxectivo último desta Lei é deteriorar o ensino público en favor dun ensino de elite que responda aos prantexamentos ideolóxicos da dereita máis rancia deste país. A actual escola pública non lles garante o control social que pretenden.
A implantación precipitada da mesma, cunha tramitación tardía dos decretos de Primaria e FP Básica, que foron publicados mediante ordes previas durante o mes de agosto fixo que o labor dos docentes e dos centros para planificar o inicio de curso fora unha tarefa complicada pola cercanía do inicio de curso ao non ter unha norma na que apoiarse e unhas instrucións claras de procedemento. Non son de recibo as declaracións do Conselleiro cando afirma que a norma se coñecía desde fai tres meses, cando esta podería ser modificada nos diversos órganos nos que se tramitaría, o que amosa a falta de intención de modificar a normativa e o desprezo ás institucións de que fai gala o Conselleiro.
Mención aparte merece a implantación da FP Básica, unhas ensinanzas que consideramos que supoñen unha fórmula para legalizar a exclusión no sistema educativo, que veñen a substituír aos PCPIs e das que non se coñeceu a oferta ata o día 26 de agosto, oferta que non pasou polo Consello Galego de Formación Profesional tal e como é preceptivo, e que supón unha perda de máis de 80 programas xa existentes que non van a ter substitución por ciclos de FP Básica e cunha perda de máis de 500 prazas de alumnado e mais de grupos con respecto aos PCPI. Ademais hai que facer notar que moitos concellos están a perder a oferta destas ensinanzas, especialmente na periferia o que fai que o alumando que as queira cursar teña que desprazarse e non poida dispor de transporte escolar xa que o decreto non garante as parazas gratuítas de transporte a este alumnado. As condicións de rateo van a ser 1/20 a pesar da afirmación do Director Xeral no Consello Escolar de Galicia de que serían as mesmas que nos PCPI: 1/15
Esta Plataforma quere denunciar que o Conselleiro mentiu no Parlamento ao afirmar que se cumpriría a lei no tocante aos libros de texto. Pola contra, o departamento educativo envioulles unha instrución por escrito aos centros a comezos do verán, permitíndolles cambiar os libros sen permiso da Administración, circunstancia que vulneraría a lexislación na materia. Malia que a devandita instrución foi retirada, na práctica si se cambiaron libros de texto en varios cursos da educación primaria, o que unido á desaparición da gratuidade universal dos libros de texto fai dous cursos, concretase en que un número importante de familias non teña diñeiro suficiente para libros e material escolar. Queremos denunciar tamén a desorganización na xestión do programa mesturando libros novos con outros procedentes de bancos de libros de diferente orixe.
O mantemento da modificación feita no curso pasado do sistema de becas que establece os limiares de renda e as contías das axudas ao estudo segue a ampliar e consolidar as políticas de recortes comprometendo a igualdade de oportunidades e rompendo definitivamente co carácter compensador que debe ter o sistema, endurecendo os requisitos de acceso e facendo que as capas máis baixas da sociedade teñan máis difícil o acceso e a continuidade no sistema educativo.
Debemos denunciar a situación dos concertos dos centros que segregan por sexo, onde a Consellería fixo caso omiso das sentenzas que impiden o concerto a estes centros porque se vulnera o dereito á igualdade de oportunidades dos nenos e nenas na educación e entenden que hai discriminación por razón de sexo, aplicando directamente o articulado da LOMCE que permite o concerto a este tipo de centros
Desde esta Plataforma continuaremos denunciando a intención de destruír un modelo educativo de calidade e equidade. Seguiremos mobilizándonos e facemos un chamamento á sociedade para que participe nas mobilizacións que se convoquen porque está en xogo a educación do noso país.
Santiago de Compostela, a 15 de setembro de 2014
<doc1828|center>