Concesión da prestación económica de pagamento único por fillas e fillos menores de tres anos

Orde do 3 de maio de 2010 pola que se establecen as bases polas que se rexerá a concesión da prestación económica de pagamento único por fillas e fillos menores de tres anos para o ano 2010.

A Xunta de Galicia, co fin de paliar, na medida do posible, os gastos dos primeiros anos de crianza dun fillo/a establece deducións da cota íntegra autonómica do imposto sobre a renda das persoas físicas polo nacemento de fillos/as. Por outra banda, a Lei 9/2009, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2010, prevé na súa disposición adicional sétima que aquelas persoas que, na data de entrada en vigor desta lei tivesen ao seu cargo fillos/as menores de tres anos terán dereito a percibir unha prestación de 360 euros por cada un deles cando, por razón dos ingresos obtidos durante o ano 2008, nin elas nin ningún dos membros da unidade familiar estivesen obrigados a presentar a declaración polo imposto sobre a renda das persoas físicas correspondente a ese período. A percepción desta prestación axustarase ao procedemento que estableza a Consellería de Traballo e Benestar, pero exixirá xustificación documental dos requisitos precisos para o seu desfrute, sen que o mesmo fillo/a poida dar lugar a máis dunha prestación. Esta orde ten por obxecto regular os requisitos e o procedemento para a percepción desta prestación.

DOG 10/05/2010