A galiña azul será a nova imaxe das escolas infantís galegas

A rede de escolas infantís galegas contará cunha nova imaxe o próximo curso representada por unha galiña azul. A rede de escolas infantís galegas contará a partir do próximo curso cunha nova imaxe, representada por unha galiña azul, que integrará a todos os centros da comunidade, ao tempo que representará os valores de diversidade, pluralidade, integración e solidariedade. A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, e o conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, presentaron hoxe en rolda de prensa este cambio de imaxe, que consideraron “imprescindible” para devolver ás escolas “o seu protagonismo”. No acto de presentación, tamén estivo presente o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Roberto Rodríguez, a secretaria xeral de Familia e Benestar, Susana López Abella, e a presidenta da Fundación Carlos Casares, Kristina Berg. Precisamente, Mato explicou que a imaxe da “galiña azul” provén dun conto do escritor galego Carlos Casares, que promove os mesmos valores que se fomentarán nas aulas de educación infantil. Deste xeito, lembrou que este conto é unha carta a unha nena “para que nunca esqueza que é galega”. Sobre o contido do relato, a conselleira de Traballo e Benestar salientou ademais que os principios do proxecto educativo aséntanse tamén sobre unha das máximas do conto: “para gustos fixéronse cores”. Así, Mato puxo en valor a solidariedade, a unidade, a iniciativa, o criterio propio e a educación sen unha “identidade preestablecida”. Deste modo, a nova imaxe das escolas infantís galegas fai referencia tamén á idea de educación infantil do Goberno galego como un “espazo neutro e protexido” para os nenos de 0 a 3 anos. Este cambio de imaxe afectará á cartelería de todas as escolas infantís da Xunta de Galicia, tanto ás 85 xestionadas polo Consorcio como as 25 da Secretaría Xeral de Familia, un total de 110 centros que suman máis de 6.100 prazas. Todas elas terán o novo logo a principios do novo curso, na primera semana se setembro. Neste sentido, a conselleira de Traballo destacou que se ben esta sinalética se cambiará toda nas próximas dúas semanas, respondendo ademais ao cambio de estrutura orgánica da Xunta de Galicia, o que se irá variando gradualmente, serán as prendas textiles e outro material escolar co fin de aproveitar os recursos existentes e de non ?gastar nin un euro de máis? con este cambio. Pola súa parte, o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, resaltou que a imaxe “simboliza unha nova etapa nas nosas escolas infantís” dirixida a “despolitizalas e desideoloxizalas”. Despois de agradecer a presenza da familia de Carlos Casares, Vázquez afirmou que o obxectivo do actual goberno da Xunta é “formar dende o berce a cidadáns librepensadores, portadores de dereitos universais e actores protagonistas da liberdade que debe caracterizar a unha Democracia sólida”. Vázquez lembrou que para conseguir unha educación harmonizada e integrada é necesario que todas as escolas infantís estean baixo o mesmo departamento, e que con esa intención se creou no mes de xuño unha comisión para traspasalas a Educación, integrado por membros das dúas consellerías implicadas, do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e da Fegamp. Este traspaso vai paralelo ao Decreto de Educación infantil, aprobado a comezos de xuño despois de estar bloqueado dous anos polo anterior goberno. Todo isto enmárcase na intención dunha educación infantil infantil despolitizada e global, na que os nenos entren no ensino obrigatorio con competencias motoras, sociais e lingüísticas básicas. Prazas infantís Actualmente, a comunidade galega conta con 477 escolas infantís, das que un total de 212 son públicas (110 da Xunta e 102 dos concellos e subvencionadas pola Administración autonómica). Existen ademais 60 centros de titularidade de entidades de iniciativa social tamén financiadas polo Goberno galego. Entre todas estas modalidades e os centros partícipes do cheque infantil, o total de prazas financiadas con fondos públicos supera as 15.000, o que significa máis do 25% da taxa de cobertura da población de 0-3 anos. A estes centros súmanse 205 privados que ofertan arredor de 8.600 prazas. É de subliñar que esta nova rede de escolas infantís de Galicia contará con 13 novos centros o próximo curso (7 de nova creación e outras 6 de transmisión). Todas elas suman 753 prazas máis. As escolas de nova creación son en Carballiño, Culleredo, Porriño, Ourense, Santiago (Tambre), Ponte Caldelas e Soutomaior.As 6 de transmisión son O Barco, Oleiros, Quiroga, Camariñas, Cedeira e Chantada. Gripe A Respecto a posibles retrasos no inicio do curso pola gripe A, ambos conselleiros explicaron que desde os dous departamentos están en “coordinación permanente” coa Consellería e Ministerio de Sanidade para por en marcha os protocolos indicados en cada caso e segundo as circunstancias que se vaian producindo. Fonte:Xunta de Galicia