Visitas guiadas e obradoiros didácticos no Museo Massó para grupos escolares
Unha visita de moito proveito como excursión escolar gratuíta que pode organizar o centro, a ANPA, unha clase concreta, etc.
Visitas guiadas
Para grupos e escolares, concertadas previamente. Tempo aproximado da visita guiada: 45 minutos.
Normas de acceso
Nos obradoiros a inscrición deberá realizarse previamente, e terán entre unha hora e hora e media de duración.
Non está permitida a entrada de animais, salvo cans-guía.
Non está permitido fumar no interior do museo, nin entrar con alimentos, bebidas, bolsas grandes e paraugas.
Non está permitido facer fotos nas salas de exposición. Se está interesado na imaxe dunha peza pode solicitala.
Programa de visitas para o 2019
PARA ESCOLARES DE 3 A 16 ANOS
Víveres a bordo
(de 4 a 9 anos)
Nova proposta didáctica
Obradoiro onde os participantes descubrirán de onde proceden os alimentos que consumen normalmente, se son da zona ou proceden de lonxe, si se poden cociñar na casa, se se comen crus ou cociñados e que tipo de nutrientes aportan. Farase especial fincapé nos alimentos procedentes do mar, tendo en conta a nosa contorna, e os contidos do museo.
Arqueólog@s por un día
(de 6 a 12 anos)
Nova proposta didáctica
Obradoiro práctico sobre a actividade arqueolóxica centrado nos achados do xacemento de Pescadoira en Bueu onde se atoparon os restos dunha fábrica de salga e un taller de ánforas de época romana.
Os tesouros do galeón afundido
(de 5 a 7 anos)
Nova proposta didáctica
Actividade lúdica desenvolvida dende a liña do descubrimento e o xogo para coñecer
en que consiste o traballo do arqueólogo subacuático dende a exploración dos
fondos mariños ata a interpretación dos restos e formulación de hipóteses.
A aventura do Nautilus. Navegando baixo os mares
(de 5 a 10 anos)
Proposta didáctica que xira ao redor do libro Vinte mil leguas de viaxe submarina
de Xulio Verne.
A actividade pretende dar a coñecer entre os participantes os capítulos máis salientables desta obra; especialmente o relativo a chegada á baía de Vigo do submarino Nautilus que recala na cidade atraído polo suposto tesouro dos galeóns de Rande. O obradoiro fai especial fincapé nos obxectos que conserva o Museo Massó recuperados na enseada de San Simón, como un canón extraído das augas no ano 1958, e que pertencen a embarcacións afundidas que participaron na famosa batalla de Rande no ano 1702.
A arte de navegar
(de 6 a 12 anos)
A arte de navegar require de destreza para sortear os perigos e de coñecementos
como astronomía, matemáticas, xeometría e cartografía. Neste obradoiro coñecerán e
descubrirán as partes principais dun barco e a distribución de tarefas que se realizan a
bordo mediante un xogo en equipo onde os tripulantes deberán superar algunhas
probas empregando coñecementos básicos de diferentes disciplinas.
Sentir o museo
(de 3 a 5 anos)
Este obradoiro é unha viaxe sensorial para experimentar o museo a través do oído, do
tacto, do olfacto, do gusto e da vista. Os nen@s descubrirán os obxectos do museo
e a súa historia para logo escoitar, tocar, cheirar e saborear cos ollos pechados e
identificar o que viron ao longo da visita.
Mar á vista
(de 3 a 5 anos)
Xogo de recoñecemento de obxectos representados nunha das pinturas de
Urbano Lugrís. Os nenos irán descubrindo o universo pictórico de Lugrís e a
representación pictórica dos obxectos.
Cousas da praia
(de 3 a 5 anos)
Mediante o xogo e a música ensinaremos aos participantes cuestións sobre a area da
praia e as plantas que viven nela, porque sube e baixa a marea e outras sobre a
acción humana. A praia como espazo de traballo no pasado e o problema actual do
lixo no mar.
Estrela polar
(de 3 a 5 anos)
A pesar da gran dificultade que ten para os máis pequenos entender a orientación
astronómica, este obradoiro está ideado para desenvolverse dun xeito activo e no
que os nenos poidan participar e asimilar os conceptos básicos mediante o xogo.
O mapa do corsario
(de 4 a 10 anos)
A actividade pretende fixar mediante o xogo unha serie de conceptos sobre as
diferenzas entre as actividades de piratería e do corso, a súa natureza, obxectivos e o
seu papel na sociedade do século XIX e o protagonismo galego neste ámbito.
Sardiñas para unha lata
(de 4 a 10 anos)
Este obradoiro fai un percorrido por todo o proceso da conserva da sardiña dende
a súa vida no mar e as diferentes artes de pesca para capturalas, ata os distintos
métodos de conserva.
A Balea
(de 6 a 8 anos)
A partir dunha introdución sobre as características principais das baleas e as
diferentes ameazas ás que se ven sometidas, os participantes realizarán dous
pequenos murais mediante a técnica do collage. Unha das imaxes estará baseada
na caza das baleas e os diferentes perigos que corren e a outra representará a
importancia de conservar a especie como parte dun ecosistema.
En busca do tesouro
(de 6 a 9 anos)
A partir dun mapa e dalgunhas pistas, os participantes terán que encontrar as
diferentes partes dun quebracabezas coma si dun tesouro se tratara. A ruta do mapa
centrarase na primeira volta ao mundo e os motivos comerciais que a impulsaron.
Mensaxe nunha botella
(de 6 a 12 anos)
As mensaxes dentro das botellas agochadas polas salas do museo revelarán aos participantes a importancia que teñen os océanos para o noso planeta, tanto para
a diversidade das especies como pola súa influencia no clima. Mediante un xogo
deberán completar unhas tarxetas que aportarán as pistas necesarias para atopar
as mensaxes. Finalmente cada participante escribirá unha mensaxe cun bo desexo
para os océanos e todas as mensaxes se meterán nunha botella común.
O que o mar non quere
(de 6 a 14 anos)
O mar converteuse nun gran vertedoiro de lixo. Paseando pola praia podemos
encontrarnos numerosos obxectos que forman parte deses residuos e que deberían seguir o proceso de reciclaxe.
Neste obradoiro os participantes traerán algún destes obxectos encontrados nas
praias para coñecer os problemas que están a causar no ecosistema e as posibles
solucións.
O sal do mar
(de 9 a 16 anos)
Este taller pretende facer comprender o papel fundamental do sal na conservación
dos alimentos e a importancia da súa comercialización ao longo da historia, chegando a alcanzar grandes repercusións económicas e políticas. Prestarase maior atención ao uso do sal en Galicia para a conservación do peixe, sendo a salga un método de conservación empregado durante moitos séculos antes de que existiran as conservas enlatadas e os conxeladores.
Orientarse no mar
(de 9 a 16 anos)
Os navegantes para orientarse no mar tiñan que tomar como referencia o
horizonte e os astros, polo que os pilotos tiñan que ter coñecementos de astronomía
e matemáticas para determinar a posición do barco e a ruta a seguir coa axuda dos
instrumentos de navegación. Con este obradoiro os participantes poderán
entender, un pouco máis, como se utilizaba astrolabio e o sextante para facer as
medicións co horizonte e os astros.
Seguir o rumbo. A agulla de marear
(de 9 a 16 anos)
Este obradoiro ten como obxectivo facer comprender as propiedades magnéticas da
Terra e explicar aos participantes o manexo da agulla de marear e a súa utilidade na
navegación.
O mapa do mariñeiro.
A carta náutica
(de 9 a 16 anos)
Os participantes poderán familiarizarse coa interpretación e manexo das cartas náuticas, aprender a utilizar as unidades de medidas náuticas e as escalas e situar os puntos de referencia da costa e os faros de Bueu no mapa.
Atando Cabos. Nós mariñeiros
(de 8 a 16 anos)
Obradoiro práctico de aprendizaxe de 5 nós mariñeiros básicos: Cote, As de Guía, Chan, Oito e Ballestrinque. Explicarase a súa orixe e aplicación e, despois, montarase un pequeno cadro de nós.
Ex-libris
(de 12 a 16 anos)
O obradoiro consiste na realización de pequenos ex-libris (selos ou estampas) para personalizar os libros dos participantes. Aprenderán a técnica do gravado sobre goma e a fabricación de tampóns. Os participantes logo de coñecer o ex -libris que Antonio Massó deseñou para a biblioteca do Museo, elaborarán e estamparán o seu propio selo.
Onde está
- museomasso.blogspot.com.es
- Rúa Montero Ríos s/n
36930 Bueu - Tlf. 886 151 101 Fax 886 151 108
- museo.masso@xunta.gal
- Horario
-
De martes a sábados:
De outubro a maio: de 10.00 a 21.00 h
De xuño a setembro: de 10.00 a 21.30 hDomingos e festivos: de 10.00 a 14.00 h
Luns: pechado
http://museos.xunta.gal/gl/masso
Debe estar conectado para enviar un comentario.