Redondela reclama a retirada das cubertas de amianto dos centros escolares

GRAVE PERIGO PARA A SAÚDE DO ALUMNADO.
FÓRA O AMIANTO DAS ESCOLAS DE REDONDELA.

É ben coñecido pola Consellería de Educación o estado de descomposición e erosión que presenta o amianto visible dentro das instalacións do IES Pedro Floriani e o CEIP de Cedeira.
Tamén o da a EEI de Cesantes que ten unha cuberta de amianto. Aínda que xa son anos advertindoo, no último consello escolar Municipal do 29 de marzo deste 2022, estando presente como representante da Consellería de Educación a inspectora Raquel Gómez Fuentes, o alumnado denunciou a presenza de po de amianto no Floriani.
A Federación de ANPAS de Redondela puido comprobar que tanto o IES Pedro Floriani,
como o CEIP de Cedeira, como a EEI de Cesantes están cheos de amianto, tamén coñecido como
asbesto ou uralita. No caso do IES Floriani e o CEIP de Cedeira comprobouse que está en moi mal
estado pois dende que se construíron a principios da década dos 80, o amianto xa ten superado a súa
vida útil polo que é friable, é dicir que está descompoñéndose. As consecuencias de que un alumno
ou alumna teñan a mala sorte de respirar unhas poucas de estas fibras microscópicas poden ser
letais. Na EEI de Cesantes, a Federación de ANPAS só puido ver a cuberta dende lonxe, sen
acceder a ela. Aínda así, tamén esta alí dende a década dos 80, superando a súa vida útil polo que é
imperativo á súa retirada.
Ninguén dubida da toxicidade do amianto, xa en 1977 a OMS declarouno canceríxeno de
clase 1, a máis perigosa. A exposición ao amianto desemboca nunha mortalidade silenciosa, xa que
a enfermidade se sufre 30 ou 40 anos despois de telo respirado. Como afirma a OMS, dá igual o
tempo no que a persoa estea en contacto coa sustancia; un minuto bastaría para que unha das
partículas penetre no interior do organismo e comece a xestar durante décadas un mesotelioma, un
cancro asociado exclusivamente ao amianto cunha mortalidade do 100%. Non existe ningún
tratamento, e o tempo promedio de vida desde que se diagnostica é duns 15 meses. Ademais, as
partículas de amianto son responsables de entre o 15% e o 20% dos cancros de pulmón que se
detectan en España, o que pon en evidencia a gravidade do problema.
Pese ao perigo para o alumnado de sufrir unha morte silenciosa dentro de 30 ou 40 anos por
ter respirado unha mínima dose, nin o Xefe Territorial en Pontevedra da Consellería de Educación,
César A. Pérez Ares, nin tampouco a Subdirectora Xeral de Construcións e Mantemento da
Consellería de Educación, María Jesús López López, nin tampouco o Secretario Xeral Técnico,
Manuel Vila López, nin finalmente o Conselleiro de Educación, Román Rodríguez González, teñen
tomado, que se saiba, decisións para eliminar definitivamente este gravísimo perigo para a saúde do
alumnado. Isto constitúe unha gran irresponsabilidade e desprezo á saúde pola súa parte. Non é a
primeira vez, no 2017, en Sada, as familias negáronse á que os seus fillos e fillas acudiran ao CEIP
Ramón de la Sagra cando a Consellería de Educación procedeu a retirar o amianto en período
lectivo, mentres acudían a clase. Esta temeridade repetiuse recentemente nalgún centro educativo da
provincia de Pontevedra.
Ao contrario que a Consellería de Educación, os equipos directivos do IES Pedro Floriani,
CEIP de Cedeira e EEI de Cesantes están a traballar, e fan todo o que poden, para erradicar o
Amianto pero non teñen os medios necesarios. Non está nas súas mans resolvelo completamente.
Esiximos á Consellería de Educación a retirada inmediata, neste vindeiro período de
vacacións de verán, de todo o amianto dos centros educativos de Redondela. Chamamos a todas
as ANPAS de Galicia para que estuden e denuncien a presenza de amianto nos seus centros
educativos. Chamamos ao profesorado para que non admita traballar neste ambiente insalubre.
Chamamos aos sindicatos de ensino para que os comités de saúde laboral non permitan a actividade
e corten de raíz este problema. Chamamos ao partidos políticos para que esixan responsabilidades á
Consellería de Educación, e finalmente chamamos a toda a sociedade civil para que se informe e
mobilice pola erradicación total do amianto nos centros de ensino de Galicia.