Reclamación ante a Xunta de Galicia sobre a axuda de 150 €
CONFAPA Galicia presenta unha reclamación ante a Xunta de Galicia para solicitar a revisión da convocatoria da nova axuda de 150 € para familias usuarias do servizo de comedor escolar.
Valoramos positivamente esta medida de apoio ás familias, pero consideramos que a convocatoria debe mellorarse para ser máis xusta e non trasladar novas cargas ás entidades das familias.
Defendemos un comedor escolar universal e gratuíto na escola pública, como servizo esencial para a educación, a conciliación e o apoio ás familias.
Reclamamos un sistema de concesión máis xusto, no que, ademais da renda, se valore a necesidade real de conciliación familiar e laboral, acreditada documentalmente. A orde de presentación das solicitudes non debería ser un dos criterios determinantes para conceder a axuda.
Manifestamos o noso profundo malestar pola carga administrativa que esta convocatoria impón ás ANPA e ás federacións, entidades sostidas maioritariamente polo voluntariado e, na maioría dos casos, sen persoal administrativo.
Solicitamos tamén que as facturas do comedor poidan presentarse como alternativa á certificación da entidade xestora e que esta posibilidade sexa comunicada de forma clara ás familias.
Seguiremos colaborando coa Administración e traballando polas familias e pola escola pública, pero o voluntariado non pode asumir responsabilidades que corresponden á Administración.


Comentarios0