O debuxo é unha das ferramentas máis poderosas para que nenos e nenas expresen as súas ideas, sentimentos e percepcións.
A sinceridade e expresividade que permite esta disciplina artística é a que ten levado ó Colexio Oficial de Arquitectos da Delegación en Pontevedra a querer achegarse a través dela á opinión sincera dos/das nenos/nenas do noso entorno sobre a arquitectura que lles rodea.
Das súas reflexións aprenderemos como ven o presente, pero especialmente como soñan o futuro. A súa imaxinación e falta de prexuízos e condicionantes permitirá achegarmos a todo un mundo de posibilidades, non só para a arquitectura máis cotiá como poden ser as vivendas senón tamén para todas aquelas construcións que conforman cidade, vila e espazos de relación.
I CONCURSO DE DEBUXO INFANTIL
A delegación de Pontevedra do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia convoca o I Concurso de Debuxo Infantil coa finalidade de dar a coñecer, entre os e as máis novas, a importancia que ten a Arquitectura na calidade de vida e benestar da sociedade.
LEMA : A SUPERCASA
Nesta primeira edición búscase explorar como os/as nenos/nenas valoran o seu entorno máis próximo e cotiá, a vivenda, reflexionar como queren que sexan os espazos onde viven.
O confinamento levou a que os e as máis pequenas redescubriran todos os espazos dos seus fogares. A imaxinación permitiu a todos e todas crear xogos alí onde antes só comían, agocharse alí onde só se almacenaba roupa, ler onde antes só se bañaban…Todo foi susceptible de mudar.
Pero tamén botaron en falla moitas cousas, correr sen límites, a luz do sol, o vento na faciana, as conversas coas amizades, o cheiro do mar…
Por iso é obrigado pedirlles que soñen con cal sería a súa SUPERCASA.
Aquel fogar que soñan nas súas mentes con todo aquelo que pensan podería mudar a súa vida para máis feliz e mellor.
Toca coller pinturas, rotuladores, papeis e todo o que desexen para crear ese deseño de SUPERCASA que vaia máis alá da súa imaxinación e a de todos nós…
A debuxar!!
PARTICIPANTES:
O concurso está dirixido a nenos e nenas en idades entre 5 e 12 anos inscritos na educación primaria.
Para poder participar no concurso cada participante deberá presentar un debuxo ou imaxe orixinal, con calquera material ou técnica (sempre que permita a súa dixitalización) relativo ao lema do concurso “A Supercasa”.
O debuxo ou imaxe presentarase en formato dixital (arquivos coas extensións: jpg, png ou pdf) sen referencia algunha na mesma do nome ou autoría do debuxo.
A participación no concurso conleva a autorización expresa para a difusión dos seus debuxos, a través da prensa ou outros medios de comunicación.
O dereito a reprodución dos traballos presentados pasarán a ser propiedade do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, quen os utilizará para a súa exposición ou outras actividades dirixidas ao fomento da Arquitectura.
Os traballos orixinais (en formato non dixital) presentados seguirán sendo propiedade do participante.
A participación no concurso implica a aceptación das presentes bases, así como do criterio dos organizadores na resolución de calquera cuestión non prevista nestas bases.
Formulario de solicitude de participación establecido polo COAG, debidamente cuberto e asinado.
Non poderá ser premiado ningún participante que teña parentesco directo con algún membro do comité organizador (xunta directiva da delegación de Pontevedra do COAG) ou con algún membro do xurado. En cumprimento da Lei Orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de Protección de Datos Persoais e garantía dos dereitos dixitais, a Delegación de Pontevedra do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia informará sobre as condicións de protección de datos na ligazón correspondente na web do concurso.
PRESENTACIÓN:
A Delegación de Pontevedra do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia delegará nun Comité Organizador a organización e coordinación do concurso, do que formará parte como presidente do mesmo o ilustrador buenense Luis Davila.
FORMATO
Os traballos deberán presentarse en formato dixital (arquivos coas extensións: jpg, png ou pdf) a través do formulario de inscrición. O tamaño máximo do arquivo será de 10 Mb.
Para garantir a calidade da imaxe, recoméndase unha resolución de 300 ppp.
DÚBIDAS E CONSULTAS
Poderán exporse dúbidas e consultas a través do mail xd.pontevedra@coag.es
XEITO DE PRESENTACIÓN
No momento de envío de todos os traballos, para poder identificalos correctamente, deberá cumprimentarse o formulario de inscrición en https://form.jotform.com/222821679034053.
PRAZOS:
O prazo de presentación de propostas estará aberto ata o luns 14 de novembro ás 14:00h.
A concesión dos premios comunicarase ás persoas gañadoras e publicarase na páxina web portal.coag.es no prazo máximo dun mes a partir da finalización do prazo de entrega.
Á súa vez, darase publicidade en prensa e a través das redes sociais da Delegación en Pontevedra do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.
NÚMERO DE PROPOSTAS
Cada participante poderá presentar, como máximo, unha proposta. Esta deberá ir nun arquivo independente cun título que elixirá o concursante e incluirá no formulario de inscrición.
ORIXINALIDADE
Os traballos presentados deberán ser orixinais. Quedarán descualificados os traballos que quede evidenciado que incumpren esta condición.
AUTORÍA
Todos os debuxos entregados pasarán a ser propiedade do COAG, xunto con os dereitos de explotación dos mesmos, con carácter indefinido, podendo realizar a difusión por calquera medio (web, prensa, redes sociais…), ademais o COAG, de estimalo oportuno, poderá levar a cabo a exposición das obras.
CATEGORÍAS:
En función da idade do participante, deberá indicarse a categoría á que pertence:
1º CATEGORÍA: 1º e 2º de PRIMARIA
2ª CATEGORÍA: 3º e 4º de PRIMARIA
3ª CATEGORÍA: 5º e 6º de PRIMARIA
PREMIOS:
Outorgaranse tres premios para cada categoría:
- O primeiro premio de cada categoría será unha tarxeta – regalo por importe de 250,00 euros en material de educación plástica ou libros.
- O segundo premio de cada categoría será unha tarxeta – regalo por importe de 150,00 euros en material de educación plástica ou libros.
- O terceiro premio de cada categoría será unha tarxeta – regalo por importe de 100,00 euros en material de educación plástica ou libros.
O Xurado poderá conceder accésits, premios extraordinarios ou as mencións honoríficas que considere oportunas.
Ademais, todas os nenos e nenas premiadas recibirán un diploma acreditativo do mérito acadado, emitido pola Delegación en Pontevedra do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.
MECENADO
Habilitase un proceso de mecenado para que as entidades que o desexen poidan adherirse á convocatoria do concurso. Para iso deberán poñerse en contacto coa delegación en Pontevedra do Colexio de Arquitectos de Galicia (xd.pontevedra@coag.es). As achegas destas entidades traduciranse en premios para un maior número de participantes.
XURADO
O Comité Organizador do concurso designará ao Xurado que estará composto por arquitectos e profesionais do mundo da educación cunha dilatada experiencia en ámbitos artísticos e será presidido polo recoñecido ilustrador buenense Luis Davila.
En cada traballo presentado, valoraranse os seguintes aspectos:
· A idea que motive o traballo presentado. e que se reflicte expresa no debuxo ou imaxe presentada.
· A expresión gráfica, orixinalidade, creatividade, calidade artística ou dificultade técnica en función da categoría e idade da persoa participante.
O fallo do xurado será inapelable.
INFORMACIÓN SOBRE TRATAMENTO DE DATOS PERSOAIS
O COLEXIO OFICIAL DE ARQUITECTOS DE GALICIA (COAG) tratará os datos de carácter persoal consignados na solicitude de participación e na documentación que a acompañe, ou sexan xerados a consecuencia da participación no concurso, coa finalidade da xestión do certame, a publicidade dos premios e obras presentadas e o cumprimento das funcións e obrigas legais do COAG. A lexitimación para o tratamento é o seu consentimento e o cumprimento das funcións de interese público e obrigas legalmente impostas ó COAG. Cando os participantes sexan menores de 14 anos, o consentimento para o tratamento de datos terá que ser prestado polo seus representantes legais. Tal consentimento poderá ser retirado en calquera momento, sen que isto afecte á licitude do tratamento previo a súa retirada.
Os datos solicitados no formulario de participación resultan necesarios para a comprobación do cumprimento dos requisitos de participación e a valoración da candidatura polo xurado, se non facilita estes datos, podería ver rexeitada a súa solicitude de participación. Se o participante proporciona datos de terceiras persoas coa súa solicitude, ten a obriga de informar debidamente ós terceiros e, no seu caso, recabar o seu consentimento explícito.
Os datos que proporcione o participante comunicaranse ó xurado, a outros participantes no certame e ós colexiados, así mesmo, os datos poderán comunicarse ó público mediante a súa publicación no sitio web ou redes sociais do COAG, e a través da súa posible difusión polos medios de comunicación. Os datos tamén poderán comunicarse en cumprimento das obrigas legais do COAG, en particular, as relativas a transparencia e bo goberno.
Os datos conservaranse mentres sexan necesarios para a xestión do certame, a súa difusión e publicidade, e para determinar as posibles responsabilidades que se puideran derivar de dita finalidade e do tratamento de los datos. Poderá ser de aplicación o disposto na normativa de arquivos e patrimonio documental.
As persoas interesadas poden exercitar os seus dereitos de acceso, rectificación, supresión e portabilidade dos datos, de limitación e oposición ó tratamento, así como a non ser obxecto de decisións baseadas só no tratamento automatizado dos datos ante o COAG, na súa sede ou no email: secretaria@colexiodearquitectos.org
Cando o tratamento estea baseado no consentimento do interesado, este poderá retirar o consentimento en calquera momento.
No caso de que o interesado estime que non se está a realizar un tratamento adecuado dos seus datos, pode presentar unha reclamación ante o Delegado de Protección de Datos designado polo COAG (dpd@coag.es) ou ante a Agencia Española de Protección de Datos (www.aepd.es).
Debe estar conectado para enviar un comentario.