A Real Academia Galega publica un libro cos 1500 apelidos máis frecuentes no país para facilitar o dereito á corrección de formas deturpadas

Bermejo en lugar de Vermello , Corujo por Coruxo , Gestal por Xestal , Villarino por Vilariño ou Rajo por Raxó son só unha pequena mostra das formas deturpadas de apelidos galegos que xurdiron ao longo de cinco séculos. Co propósito de facilitar a restitución das formas correctas, a Real Academia Galega acaba de editar Os apelidos en galego. Orientacións para a súa normalización, obra que recolle nunha listaxe normalizada 1.500 apelidos que abranguen en conxunto preto do 90 % da poboación galega.

O libro pretende ser unha ferramenta útil para toda a cidadanía, mais de maneira especial para o persoal dos rexistros civís, responsables dos trámites de regularización lingüística dos apelidos. Con este obxectivo, a edición impresa complétase coa dixital, que xa está dispoñible en http://academia.gal/publicacions-totais e na intranet do persoal da administración de xustiza en Galicia.