DECRETO 105/2014, do 4 de setembro, polo que se establece o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. Este decreto ten por obxecto establecer o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 6 e 6 bis da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e no artigo 3 do Real decreto 126/2014, do 28 de febreiro, polo que se establece o currículo básico da educación primaria.

2. Así mesmo, ten por obxecto regular a ordenación da dita etapa educativa, de acordo coa disposición final sexta da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

3. Este decreto será de aplicación nos centros docentes correspondentes ao ámbito de xestión da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2. Principios xerais

1. A finalidade da educación primaria é facilitarlles aos alumnos e ás alumnas as aprendizaxes da expresión e da comprensión oral, a lectura, a escritura, o cálculo, a adquisición de nocións básicas da cultura, os hábitos de convivencia, de estudo e de traballo, o sentido artístico, a creatividade e a afectividade, co fin de garantir unha formación integral que contribúa ao pleno desenvolvemento da súa personalidade e de preparalos/as para cursar con aproveitamento a educación secundaria obrigatoria.

2. A acción educativa nesta etapa procurará a integración das experiencias e aprendizaxes do alumnado e adaptarase aos seus ritmos de traballo.

3. A etapa de educación primaria forma parte do ensino básico e, polo tanto, ten carácter obrigatorio e gratuíto.

4. A etapa de educación primaria comprende seis cursos académicos, que se cursarán ordinariamente entre os seis e os doce anos de idade, e organízase en áreas, que terán un carácter global e integrador.

5. Os alumnos e as alumnas incorporaranse, con carácter xeral, ao primeiro curso de educación primaria no ano natural no que cumpren seis anos.

DOG núm 171