Recurso da FANPA contra a decisión de Inspección que denega o comedor en Pontevedra para Secundaria

FANPA presenta recurso no tempo e forma contra a resolución da Xefatura Territorial da Inspección Educativa en Pontevedra que denega o comedor escolar para secundaria no IES Sánchez Cantón baseándose en que o Consello escolar non deu o seu apoio.

Debemos lembrar que os consellos escolares están maioritariamente compostos por funcionarios de Educación, profesorado a soldo da Adminstración, polo que é ridículo que este órgano decida sobre algo que non é realmente da súa competencia. Non é razoable esperar que leven eles a iniciativa e, de feito, a propia Administración se reserva o dereito a iniciar os servizos de comedor de oficio.

En resumo, a FANPA reitera e amplia os seus argumentos máis alá da demanda á Administración dun servizo obxectivamente necesario e confrontando dese xeito os argumentos impertinentes aducidos pola Inspección; a Administración non se debería escudar nas fallas, carencias ou falta de dilixencia dalgún dos seus departamentos para xustificar a falta de resposta e moito menos tolerar unha carta de servizos discriminatoria no mesmo sistema educativo público.

Dez anos son demasiados

De cara aos cidadáns a Admnistración debe ser unha e se, coma no caso presente, non está actualizada parte da normativa de rango menor, unha simple orde, deberá actuarse en dous sentidos: redactando a orde necesaria posta ao día para o que non necesita a Administración mais ca poñerse a facelo e, por outro lado, adoptar a solución de iniciativa política para os seus fallos non afecten aos administrados, menores de idade prexudicados, por se facía falta lembralo.

A antiga normativa baseábase en proporcionar igualdade de oportunidades para os menores de zona rural respecto dos de zona urbana para o acceso a actividades lúdicas, culturais, deportivas ou calquera outra complementaria pero o decreto actual, que data do 2013 e non do 2007 coma a orde, xa recolle que o obxectivo agora é solventar a conciliación familiar. Non é o mesmo, desde logo.

Así o facemos constar no texto do recurso que reproducimos na súa integridade a continuación, en vista de que a Xefatura de Inspección non parece darse conta de que basear unha negativa nunha orde obsoleta que non se compadece coa realidade das demandas actuais do sistema educativo e que afecta á protección constitucional das familias… ou por que as familias de ámbito rural ou as que teñen fillos en Primaria teñen uns servizos que se lle negan aos demais?… non pode ser mansamente aceptado pola FANPA.

Cando nos escoitan a nós?

Para lograr este servizo hai un procedemento que se activa por iniciativa da FANPA; aínda sabendo que estamos sendo obrigados a seguir un camiño legal inapropiado, a orde do 2007 establece que se debe oír ao claustro e a ANPA; pois, este caso é a FANPA a quen corresponde consultar xa que é a titular do servizo de comedor (segundo o artigo 2º e) do Decreto e tamén quen fixo a solicitude. A día de hoxe o procedemento resolveuse para negarnos o servizo sen ter sido convocados nin oídos nin no Consello escolar nin na Delegación. Non somos súbditos de Educación senon suxeitos de dereito; a que se xoga? Non sabe a Inspección Educativa en que consiste o trámite de audiencia? Por que dirá a orde que debemos ser oídos? Por que somos nós, a FANPA os que recibimos, tarde, a comunicación oficial de denegación. O Delegado provincial de Educación, que debe recibir o resultado da solicitude non se deu conta de que o Consello escolar e a Xefatura de Inspección pasou por riba do procedemento e de nós, convertendo probablemente en nula a resolución?

Temos que dicir que chove?

Así estamos.

Contido do recurso

[pdf-embedder url=”http://www.nontedurmas.org/wp-content/uploads/2018/08/Recurso_reposicion_comedor_sanchezcanton.pdf”]

Comunicación da resolución da Inspección

[pdf-embedder url=”http://www.nontedurmas.org/wp-content/uploads/2018/08/Comunicacion_negacion_comedor_SanchezCanton.pdf”]