ORDE do 4 de abril de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras do Certame Cooperativismo no Ensino, dirixido ao alumnado e profesorado dos centros educativos de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2013.

Bases reguladoras do Certame Cooperativismo no Ensino,
dirixido ao alumnado e ao profesorado dos centros educativos de Galicia

Artigo 1. Finalidade

1. O Certame Cooperativismo no Ensino ten por obxecto difundir e promover o cooperativismo entre o alumnado dos centros de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria e formación profesional de Galicia, impulsando a realización de actividades de fomento do cooperativismo nos centros educativos.

2. Os centros educativos que desexen participar neste certame organizarán actividades divulgativas e formativas e poderán dispor, para este fin, de apoios técnicos a través do programa Cooperamos, da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social.

3. No desenvolvemento das actividades deberanse potenciar e propiciar os valores e principios que inspiran o cooperativismo, tales como: a solidariedade, o espírito democrático, a participación, a actuación colectiva ou a solución de conflitos de forma pactada.

4. Coa finalidade de impulsar a formación nos referidos valores e a súa aplicación práctica pode procurarse a realización de actividades cooperativas por grupos de alumnos.

5. Para incentivar a realización das actividades, establécense distintos premios a que poden optar os traballos realizados polos alumnos e profesores.

DOG Nº 71