ORDE do 13 de xuño de 2014 pola que se convocan prazas nas residencias xuvenís dependentes desta consellería para o curso 2014/15.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu artigo 27 que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva nas materias do deporte e a axeitada utilización do lecer, así como a promoción do desenvolvemento comunitario.

Así mesmo, polo Decreto 285/1989, do 16 de decembro, asúmense as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de promoción sociocultural, no ámbito da xuventude e o desenvolvemento comunitario.

Coa aprobación do Decreto 227/2012, do 2 de decembro, fixouse a actual estrutura orgánica da Xunta de Galicia e co Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, estableceuse, no seu artigo 7, a estrutura básica da Consellería de Traballo e Benestar. A dita consellería conta cunha Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado á cal lle corresponde o exercicio das competencias e funcións en materia de xuventude, segundo dispón o artigo 33 do Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar.

O artigo 18.2.d) da Lei 6/2012, do 19 de xuño, de xuventude de Galicia, trata dos servizos á xuventude, destacando entre eles as instalacións xuvenís, e no artigo 33.e) atribúense á consellería competente en materia de xuventude as funcións de coordinación e supervisión do funcionamento das instalacións xuvenís, tanto propias como dependentes doutras entidades, e a prestación da asistencia técnica necesaria para dar un servizo de calidade.

Neste senso a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado desenvolve o programa de fomento da actividade xuvenil, para o que dispón dunha serie de instalacións, entre as cales se atopan as residencias xuvenís.

As ditas instalacións póñense á disposición dos/as mozos/as estudantes coa reserva dun 9 % das prazas para a mocidade traballadora.

As prazas ofrécense en réxime de internado, o que inclúe aloxamento e mantenza; ademais, nas residencias ofrécense unha serie de actividades convivenciais e educativas, a través das cales se intenta fomentar os valores sociais, culturais e deportivos dos/as mozos/as residentes e de calquera outro que poida beneficiarse do labor sociocultural nas actividades que se programan.

Por todo isto, en virtude das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

A presente orde ten por obxecto convocar para o curso académico 2014/15, en réxime de concorrencia competitiva, 225 prazas para mozos e mozas (de 16 a 30 anos) nas residencias xuvenís dependentes da Consellería de Traballo e Benestar.

Con esta oferta póñense as residencias xuvenís ao servizo da xuventude que por razóns de estudo ou traballo se vexa obrigada a permanecer fóra do concello onde ten a súa residencia familiar.

O número de prazas convocadas e a súa distribución por residencias son as seguintes:

DOG Nº 117