Semana Europea da Prevención de Residuos
Entre o 17 e o 25 de novembro celébrase a Semana Europea de Prevención de Residuos.
Esta iniciativa da UE pretende concienciar sobre a necesidade de reducir a produción de residuos, incidindo en todo que se pode e debe facer antes de eliminar, para reducir os custos do tratamento e a nocividade dos residuos producidos. O millor residuo, portanto, é aquel que non se produce.
Participa con ADEGA nas actividades que promovemos para esta Semana da Prevención:
→21 de novembro, mércores: OBRADOIRO DE REUTILIZACIÓN DE LIBRETAS NA UDC
A actividade realizarase no edificio Xoana Capdeville e ten como obxectivo a reutilización do papel e polo tanto o seu mellor aproveitamento e enmárcase dentro do "Proxecto Re-utiliza. Se ten 2 caras, Dálle 2 usos".
Máis info no blog da OMA
→ 22 de novembro, xoves: PALESTRA EN ORDES SOBRE AS OPORTUNIDADES DE EMPREGO E A COMPOSTAXE
Charla sobre as oportunidades de emprego vencelladas á compostaxe
Ante a instalación dunha segunda incineradora na comarca de Ordes-Cerceda, ADEGA quere expoñer á veciñanza as vantaxes do tratamento ecolóxico (compostaxe) dos refugallos fronte a incineración que promove a Xunta-SOGAMA.
Tamén en termos de emprego, a compostaxe gaña por goleada á incineración.
→ 21 e 22 de novembro: VISITAS DE COMPOSTAXE EN PONTEVEDRA
Este mércores 21 e xoves 22 realizaremos a terceira e última visita aos composteiros instalados nas vivendas do concello de Pontevedra.
7 meses despois da súa instalación poderemos ver os resultados. comprobaremos como os restos orgánicos das 30 vivendas participantes foron transformados en compost, contribuindo a reducir en máis dun 50% o volume de refugallos a xestionar por SOGAMA e pechando o ciclo da materia orgánica.