Rutas de convivencia da Deputación de Pontevedra

A Deputación ofrécenos ás ANPA a primeira edición do programa “En ruta coa Depo 2016” que conta con 18.346 prazas dirixido a entidades sociais da provincia para que poidan pasar un día de convivencia realizando unha ruta, co xantar e o transporte incluídos, pola provincia de Pontevedra, acompañadas dun guía habilitado especializado de Galicia.

A través deste programa preténdese crear espazos de unión e convivencia para as diferentes entidades participantes, promovendo a igualdade de acceso aos recursos, especialmente a aquelas persoas con diversidade funcional, así como actividades alternativas de lecer e tempo libre para a mocidade, fomentando o asociacionismo xuvenil, o lecer dinámico e saudable, e impulsando a conciliación familiar e laboral durante as fins de semana ou estancias estivais.

As entidades interesadas en participar deben inscribirse antes do 22 de agosto de 2016 e escoller tres rutas, establecendo unha orde de preferencia, das que se lles concederá unha. Poderán solicitar, ademais, ata un máximo de dous autocares.

As solicitudes atenderanse por orde de rexistro de entrada, e terán prioridade as entidades sociais inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais.

Hai 3 rutas específicas para seren solicitadas polas ANPA como actividade de convivencia interxeracional:

  • Pontevedra
  • Campo Lameiro
  • Vigo

O programa terá vixencia ata o 31 de decembro de 2016.