Aberto o prazo para o Programa Apego do Concello de Pontevedra

Actividades desta primavera

Cómpre inscrición no formulario: http://apuntate.pontevedra.gal/.

Se o formulario foi enviado correctamente, recibiredes no momento,  na vosa conta de correo, unha copia do enviado. Días máis tarde, se tedes praza nalgunha das actividades escollidas por vós, recibiredes un correo indicándovolo; enviamos un correo diferente para cada actividade, uns días antes de cada actividade.

Como sempre, as actividades son para irdes en familia; as idades indicadas a carón de cada título fan referencia ás idades ás que se adaptan os contidos. Cando cubrades o formulario lembrade que as prazas por familia son para 1 ou 2 adultos por menor, excepto para a foliada, á que poden ir máis familiares. As prazas son limitadas, contamos como máximo con 25 familias por sesión (algunhas teñen menos prazas).

Apego é un programa que desenvolvemos varios concellos para traballar canda vós a socialización en galego das nenas e nenos de 0 a 6 anos e mais para axudarvos a terdes o galego como lingua na familia.
Tedes a información no web: http://apego.gal/  Tamén estamos no FB.
Se non estades adheridos ao Apego e vivides nalgún dos concellos do programa, podedes solicitar unha cita aquí: http://apego.gal/sumate/

Este é o programa de actividades en Pontevedra para abril e maio:

Obradoiro; para familias con nenas e nenos de 3 a 6 anos.

Mario pensaba que o galego non servía para nada. El sabía inglés, francés, chinés…, con Polo Correo do Vento.

Sesión de contacontos participativo, onde toda a familia acompañará a Mario na súa aventura de descuberta do seu mundo máis próximo.

– Martes 16 de abril, de 17.30 a 18.30 h, na sala Almofrei da Casa Azul, rúa Sor Lucía.

Ruta urbana familiar; ; para familias con nenas e nenos de 0 a 6 anos

Percorre a cidade e atopa a lingua!, con Roberto Rivas

Vide descubrir a lingua que atesoura Pontevedra en familia, con explicacións e xogos polas rúas e prazas.

– Martes 23 de abril, de 18 a 19.30 h. Punto de encontro: praza da Peregrina

Obradoiro; ; para familias con nenas e nenos de 4 anos en diante

Para cantar e bailar, con Luís Prego e Samuel Soto

Para aprender cantigas, danzas sinxelas e xogos cantados e bailados; para experimentar os primeiros pasos do baile tradicional e practicar diversas melodías e ritmos. Luís Prego é profesor de canto e baile tradicional e autor dos libros Para cantar e bailar e Xogos musicais.

– Xoves 25 de abril, de 17.30 a 18.15 horas (pódese alongar un pouco), na sala Almofrei da Casa Azul, rúa Sor Lucía.

Obradoiro para adultos con servizo paralelo de bebeteca e ludoteca

Crianza respectuosa, con Ana Couto

A través do enfoque da crianza respectuosa falaremos sobre como poñer os límites con paciencia e firmeza e aprenderemos ferramentas para educar sen premios nin castigos. Ana Couto é pedagoga especialista en adestramento educativo e de familia e intelixencia emocional.

Para que poidades aproveitar mellor o obradoiro, teremos servizo de ludoteca e bebeteca dispoñible na sala Almofrei. Por favor, indícanos o nome e a idade da/s nena/s ou do/s neno/s no apartado para observacións do formulario.

– Martes 7 de maio, de 17 h a 18.30 horas, na Casa Azul, rúa Sor Lucía. Bebeteca a ludoteca- na sala Almofrei; (soto); obradoiro na sala Valdecorvos (1º andar).

Obradoiro; ; para familias con nenas e nenos de 0 a 6 anos

Foliada con Apego, con Pablo Díaz e Olga Kirk

Un encontro para coñecerse, compartir, cantar, bailar e ir aprendendo de xeito natural unha chea de cantos de noso. Se tocades algún instrumento tradicional, non esquezades levalo, e tamén a merenda para compartir!

– Sábado 11 de maio, nos xardíns do Dr. Marescot (fronte a Belas Artes), de 17.30 a 19 horas

Lembrade solicitar prazahttp://apuntate.pontevedra.gal/ 

Saúdos!

Servizo de Normalización Lingüística. Concello de Pontevedra
Rúa dos Churruchaos, núm. 2, 1º andar
Tel. 986 863 157

[pdf-embedder url=”http://www.nontedurmas.org/wp-content/uploads/2019/04/Cartel-Apego-primavera-2019_actividades-con-solicitude-de-praza.pdf” title=”Cartel Apego primavera 2019_actividades con solicitude de praza”]