Xuventur neve

Xuventude oferta á mocidade galega preto de 500 prazas para ir a esquiar a Andorra, León e Candanchú no primeiro trimestre de 2011 PDF Imprimir

NEVE2011

 

Por primeira vez este inverno porase en marcha ‘Xuventur Neve’, a través do que se ofertarán preto de 500 prazas subvencionadas para que os mozos e mozas podan ir a esquiar a León, Andorra ou Candanchú (Huesca).

‘Xuventur Neve’, dirixido a mozos e mozas de entre 18 e 35 anos, inclúe tres programas diferentes. O primeiro de eles desenvolverase en Leitariegos (León) ao longo de 9 fins de semana entre os meses de xaneiro e marzo. A estadía será de tres xornadas, nas que os participantes poderán practicar esquí e raquetas. O departamento autonómico ofertará nesta modalidade un total de 270 prazas.

 O prezo por persoa será de 120 € para os posuidores do carné xove e de 160 € para o resto. A contía inclúe o transporte en autobús, aloxamento nun albergue en pensión completa, así como o material necesario para practicar os deportes. Os mozos e mozas terán dereito a un día de forfait e a un día de alugamento das raquetas ou do equipo completo, xa sexa para esquí carving ou para snowboard. Así mesmo, terán dereito a tres horas de clases de grupo, unha ruta guiada e unha visita de interese.

O segundo programa, no que se ofertarán 162 prazas, terá lugar en Vallnord (Andorra). Organizaranse tres quendas, dunha duración de cinco días cada unha delas, entre o 22 de xaneiro e o 12 de febreiro. Esta iniciativa terá un custe de 296 para os que dispoñan do carne xove e de 395 euros para o resto. Os servizos incluídos neste modalidade serán o transporte en autobús, o aloxamento nun hotel de tres estrelas en réxime de media pensión, así como o material necesario para esquiar e cinco días de clases e de forfait. Tamén se inclúe a comida en pista. Ademais, ofertaranse visitas opcionais a Caldea e ao Palacio de Xeo de Canillo.

O terceiro dos programas de ‘Xuventur Neve’ desenvolverase en Candanchú (Huesca) ao longo de cinco días. A Dirección Xeral de Xuventude ofertará 60 prazas, divididas en dúas quendas: a primeira será do 20 ao 25 de febreiro e a segunda do 27 de febreiro ao 3 de marzo.

O prezo para esta iniciativa será de 352 euros para os posuidores do carné xove e de 470 euros para os que non teñan este documento. Neste caso, o prezo inclúe o desprazamento en avión desde A Coruña e o aloxamento nun hotel de dúas estrelas en réxime de media pensión. Tamén está contemplado o aluguer do equipamento, así como 5 días de forfait e dúas horas de clase diarias.

O prazo para anotarse a esta iniciativa abrirase o próximo 7 de xaneiro ás nove da mañá. As prazas adxudicaranse por rigorosa orde de chegada das solicitudes e asignaranse ata esgotar todas as prazas dispoñibles por programa.

Para mais información: XUVENTUR NEVE