Premio Carmen Ferro
O Premio Carmen Ferro 2011 xurde co desexo de renderlle homenaxe á exdeputada provincial, Carmen Ferro Carballo, falecida no ano 2003, pola súa loita a favor dos Servizos Sociais da Deputación de Pontevedra e por crer que moitas persoas cunha formación ou capacitación adecuada poderían chegar a ter unha vida autónoma e independente.
1. OBXECTO.-
O obxecto do Premio Carmen Ferro céntrase en favorecer a inserción sociolaboral ou social das persoas que presentan algunha discapacidade física, psíquica ou sensorial; así, no ano 2011 premiarase a iniciativa levada a cabo por unha entidade de iniciativa social, por un concello ou por unha empresa privada, todos eles da provincia de Pontevedra.
2. DESTINATARIOS.-
Poderán pois optar ó Premio:
I) Entidades de iniciativa social (privadas e sen ánimo de lucro) con actividade na provincia de Pontevedra, que traballen de forma continuada con persoas con discapacidade física, psíquica ou sensorial e cuxos fins, obxectivos e actividades sexan os dos colectivos que representan e así se recolla nos seus estatutos.
II) Concellos da provincia de Pontevedra que promovan actuacións laborais ou sociais dirixidas á integración global das persoas discapacitadas.
III) Empresas privadas da provincia de Pontevedra, legalmente constituídas e rexistradas como tales que promovan iniciativas de integración laboral de persoas con discapacidade.
Bases premio Carmen Ferro 2011