"Galicia será a segunda comunidade, despois de Castela-A Mancha, que vai acadar este obxectivo", destacou o presidente, quen precisou que "permitirá avanzar na converxencia con Europa, avanzar no terreo da igualdade". Lembrou que España é un dos tres países, xunto con Portugal e Irlanda, que non ten incorporada esta medida educativa. "Así Galicia pasa á cabeza de España neste punto", aclarou.
O presidente da Xunta informou de que para a concesión destas axudas seguirase o sistema que xa se estaba a realizar, tamén semellante ó que empregan outras comunidades que están a desenvolver un proceso gradual de gratuidade dos libros de texto. Tralo visto bo do Consello do vindeiro xoves, e unha vez publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG), os pais e nais disporán dun prazo "non inferior a 40 días" para entregar os libros de texto dos seus fillos no centro educativo que lles corresponda e acollerse ás axudas.
Tal e como explicou o presidente, serán os centros os encargados de elaborar a relación de familias que solicitaron o seu acceso a esta axuda e de transmitirlla á Consellería de Educación. Emilio Pérez Touriño afirmou que "nun período non superior a dous meses estará culminada a totalidade do proceso".
Os datos que manexa a Administración galega indican que o custo medio dos libros de texto na educación primaria sitúase en 128 euros. Se temos en conta que serán arredor de 100.000 os novos alumnos aos que alcanza esta gratuidade, o custo global do programa ascende a 12.990.208 euros.
Ata o curso 2004/2005 a medida da gratuidade só se aplicaba a 6º de primaria, polo que se beneficiaban da mesma 24.068 alumnos dun total de 127.760, o que representaba un 18% dos alumnos matriculados naquel ano académico.
A ampliación que o vindeiro xoves ratificará o Consello da Xunta beneficia a todos os alumnos de Educación Primaria, é dicir, a 123.857, o 100% do alumnado galego de Primaria. Tendo en conta que a media de fillos por familia é de 1,5, pódese afirmar que esta iniciativa afectará a unhas 82.000 familias galegas.
Non obstante, o presidente da Xunta puntualizou que "hai un compromiso que non se esgota no ensino primario" e recordou que a súa intención de "seguir avanzando ata completar todo o ensino obrigatorio".