tdahO  TDAH é un trastorno que afecta  do  3 ao  5% dos nenos e nenas en idade escolar e que se  manifesta en niveis de atención, concentración, actividade, distracción e impulsividade inadecuados  para a súa idade.
Debido ao crecente diagnóstico de trastornos de hiperactividade e déficit de atención na nosa comunidade, FANPA Pontevedra en colaboración co Concello de Pontevedra consideraron necesaria a creación do Programa TDAH de apoio ás familias e ao entorno educativo, que inclúe intervención terapéutica cos nenos e nenas e formación ás familias. O Programa estase a desenvolver en Pontevedra dende Marzo de 2010, grazas en gran medida a subvención do Concello a través do convenio que ten con FANPA Pontevedra.

Está dirixido a nenos e nenas desde 6º de Educación Infantil ata 6º de Educación Primaria e aos seus pais, nais ou titores/as.

A primeira selección realízase en colaboración cos departamentos de orientación dos centros educativos e posteriormente por medio dunha entrevista coa familia e unha sesión avaliativa con cada neno/a, en función dos resultados da mesma e da dispoñibilidade de prazas valorarase a incorporación ao Programa.

A intervención terapéutica levase a cabo dende dúas liñas de traballo:

Psicomotriz, na que presentamos ao neno/a “outro tipo de escoita” dos seus síntomas a través da linguaxe corporal e oral, mediante xogos e exercicios psicomotrices cos que poderá sentir os seus limites, tensións, dificultades e capacidades, derivando a súa agresividade e controlando a impulsividade a través do movemento e a acción compartida.

Cognitiva, na que utilizaremos estratexias encamiñadas a paliar os déficits cognitivos relacionados coa toma de decisións entre alternativas, toma de perspectiva social, autoestima, amplitude de estratexias de solución de problemas, percepción de emocións ,…

Formación ás familias facilitándolles información actual sobre o TDAH para poder comprender aos seus fillos/as con este trastorno así como proporcionándolles estratexias e ferramentas precisas que favorezan a comunicación positiva e a creación dun clima familiar adecuado que posibilite unha melloría do autoconcepto e da autoestima de tódolos membros/as da familia, en especial do neno/a con TDAH.

A achega das familias seleccionadas é de 35 € ao mes.

TDAH

Updated on 2016-06-16T13:55:32+02:00, by Xestión.