Visita a museo Masso de Bueu

A Consellería de Cultura e Educación convida aos escolares a somerxerse no mundo da navegación marítima a través dos obradoiros do Museo Massó de Bueu
O museo pontevedrés inicia un novo programa de actividades nas que o alumnado de primaria, secundaria e bacharelato terá ocasión de interpretar cartas náuticas, de realizar nós mariñeiros e de afondar na evolución sobre a concepción da Terra
 
A Consellería de Cultura e Educación convida aos escolares a somerxerse no mundo

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ten preparado un programa de seis actividades no Museo Massó, en Bueu (Pontevedra), co que convida ao alumnado de primaria, secundaria e bacharelato a somerxerse no mundo da navegación marítima.

Os obradoiros comezan hoxe e irán fixando a súa data para adaptarse á dispoñibilidade dos centros de ensino que desexen participar. Para a inscrición, os interesados deberán chamar ao teléfono 986 321 838 –entre as 10.00 e as 20.00 horas, de luns a venres–, ou enviar un correo electrónico cun nome e un teléfono de contacto a museo.masso@xunta.es.

Actividades para todas as etapas

'En busca do tesouro' é o obradoiro destinado en exclusiva ás alumnas e alumnos de primaria, que terán que atopar as diferentes partes dun crebacabezas, coma se dun tesouro se tratase, a partir dun mapa e dalgunhas pistas orientativas. A ruta do mapa centrarase na primeira volta ao mundo e os motivos comerciais que a impulsaron.

O Museo Massó ten programados outros tres obradoiros dirixidos aos estudantes tanto de primaria como de secundaria e de bacharelato. 'A agulla de marear' ten como obxectivo facer comprender as propiedades magnéticas da Terra e familiarizar os escolares co manexo do instrumento e a súa utilidade na navegación. Por outra banda, 'Cartas náuticas' servirá para que os participantes coñezan a interpretación e manexo das cartas náuticas, para que aprendan a utilizar as unidades de medidas náuticas e as escalas e a situar os puntos de referencia da costa e os faros de Bueu no mapa.

Ademais, está previsto o desenvolvemento da actividade 'Nós mariñeiros', onde o alumnado montará un pequeno cadro con cinco nós mariñeiros básicos –cote, as de guía, chan, oito e ballestrinque– realizados por eles mesmos, unha vez se lles explique a súa orixe e aplicación.

Para este mesmo público ofértase o obradoiro 'Unha imaxe do mundo cambiante', onde se afondará no proceso de cambio desde a concepción medieval de que a Terra era plana ata a confirmación da súa redondez. O obxectivo é amosar como coas viaxes de descubertas e expedicións foi cambiando a faciana do planeta e a nosa visión del.

Xa dirixido a estudantes de bacharelato e grupos de profesores, o museo pontevedrés ten preparado un percorrido monográfico pola obra que o pintor Urbano Lugrís realizou por encargo da familia Massó, baixo o título 'Urbano Lugrís no Museo Massó e viceversa'. Nesta actividade os asistentes terán a ocasión de coñecer a obra do pintor que non se expón ao público e ver aqueles obxectos da colección que o pintor incorporou na súa iconografía, e coñecerán a pegada que deixou a colección do entón Museo Mariñeiro na configuración da iconografía e o universo pictórico de Lugrís.

Colección permanente

Ademais da programación de actividades que leva a cabo durante todo o ano, o Musseo Massó conta cunha exposición permanente baseada na temática da conquista do mar e da explotación dos seus recursos.

Entre os elementos que a conforman destacan o mobiliario da clínica da fábrica de conservas Massó de Bueu, a colección sobre o deseño e a tipoloxía de envases –na que destaca a obra de Federico Ribas–, gravados do século XVII sobre a caza da balea, mascaróns de proa, documentos e libros relacionados cos corsarios, un diario de navegación dunha expedición comandada por Blas de Lezo, así como unha serie de libros incunables, entre outras pezas.

As orixes do museo

A orixe das coleccións do Museo Massó retrotráese a primeiros do século XX, grazas ao labor coleccionista dos Massó, unha familia catalá que asentou en Galicia a comezos do XIX para a explotación da industria pesqueira galega. Particularmente, José María e Gaspar recompilaron unha interesante colección de obxectos relacionados co mar e unha completa colección de libros. Este sería o xermolo dun museo de natureza privada que se instalaría no antigo edificio da fábrica conserveira familiar e que foi inaugurado en 1932 por idea de Guillermo Marconi (Nobel de Física en 1909) quen, en 1928, visita Bueu e queda impresionado pola colección.

No Museo Massó convive o patrimonio marítimo e o industrial co espírito erudito do coleccionismo doutra época. O seu carácter peculiar reside no feito de que é froito das inquedanzas culturais dos citados industriais conserveiros. O seu interese pola navegación levounos a crear unha colección única de libros impresos entre os séculos XV e XIX, manuscritos, instrumentos náuticos, cartografía, documentos e maquetas de embarcacións históricas, que constitúen a alma desta colección. Co tempo, a actividade pesqueira e os testemuños das factorías conserveira e baleeira foron completando o perfil dun museo único e sorprendente que aínda mantén o encanto da colección orixinaria.

Fonte; Xunta de Galicia