Trocalibros de Pontevedra 2018-2019

https://i1.wp.com/trocalibros.pontevedra.gal/img/logo-trocalibros.png?w=1400

O Concello de Pontevedra, a través das Concellarías de Benestar Social, Educación e Novas Tecnoloxías, pon en marcha unha páxina web de intercambio de libros de texto.

Esta iniciativa xorde do grande éxito que tivo o Banco de Libros Municipal en cursos pasados e que se deixou de realizar debido á implantación do sistema de préstamo por parte da Xunta.

Este sistema de préstamo enche a demanda dunha parte da poboación – pero hai familias que non cumpren os requisitos esixidos e que están en disposición de poder intercambiar os libros-.

Así, crease esta plataforma, trocalibros.pontevedra.gal na que as familias cuxos fillos e fillas estudan en centros educativos da nosa cidade se poidan poñer en contacto para intercambiar os libros.

O seu manexo é sinxelo. As familias deben facerse usuarios/as da plataforma e logo encher no sistema os libros que ofrecen e os libros que solicitan. Se eses libros foron ofrecidos por algunha familia o sistema lle facilita os datos de contacto.

Non se pode garantir que estean dispoñibles os libros que se solicitan. O éxito do sistema depende da achega das familias. Cantas máis familias e cantos máis libros se ofrezan máis opcións haberá para todas elas.

Hai unha serie de requisitos:

1.- Os escolares deben estar cursando estudos en centros educativos da cidade.
2.- O intercambio abrangue os cursos dende 3º de primaria e ata 2º de bacharelato.
3.- Os libros deben estar en bo estado.
4.- Non se pode pedir ningunha cantidade económica polos libros, o intercambio é de balde.

Como é o primeiro ano que se fai, e é unha experiencia bastante novidosa en todo o Estado, pedimos que todos os aspectos que se consideren mellorables de cara aos próximos cursos nolo fagan saber ao correo electrónico de contacto da plataforma (trocalibros@pontevedra.gal).