Comunicado sobre a suspensión debida ao coronavirus COVID-19

Logo-CONFAPA

En relación coa suspensión das actividades académicas nos centros de ensino de Galicia dende o luns 16 de marzo, CONFAPA Galicia quere comunicar o seguinte:

1. Estamos ante unha crise sanitaria que a propia OMS ten calificada como Pandemia, polo que é unha responsabilidade cívica a colaboración de todos coas recomendacións e medidas ditadas polas autoridades e as administracións. CONFAPA Galicia comparte e apoia a medida de suspensión da actividade académica nos centros de ensino, así como todas as que poidan determinarse para resolver o contaxio masivo do Coronavirus Covid-19. CONFAPA Galicia vai colaborar activamente no cumprimento das súas responsabilidades cívicas para que esta excepcionalidade sanitaria se resolva do xeito máis satisfactorio e menos prexudicial posible para todos os afectados.

2. As ANPA e as súas Federacións están dispostas a colaborar coas administracións con toda responsabilidade e disposición. No entanto, temos que manifestar que CONFAPA Galicia non tivo ningunha comunicación coa Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, nin con ningún outro representante da Xunta de Galicia. Unha medida como a proposta afecta directamente á conciliación das familias e, como ben sabe a Consellería, ás actividades complementarias e extraescolares que desenvolvemos a prol da comunidade educativa. Estas actividades teñen contratos que vanse ver afectados por esta suspensión de actividades. A falta de comunicación da Xunta de Galicia resulta incalificable dende o momento que o seu Presidente, Alberto Núñez Feijoó, comunicou en rolda de prensa que tivera contactos con todo tipo de organizacións profesionais, docentes e deportivas, e ningún cos representantes das familias, obxectivo directo da función educativa, e afectados principais desta medida. Neste sentido reclamamos da Consellería de Educación e dos seus representantes unha interlocución directa, máis tendo en conta que o horizonte temporal da suspensión pode estenderse máis alá dos 14 días sinalados, e as familias e as ANPA necesitan anticiparse ás consecuencias desta situación.

3. A suspensión de actividades está tendo un custo que afecta directamente aos traballadores e empresas que ofrecen servizos ás ANPA e ás familias, que neste momento xa están sufrindo despidos e regulacións temporais de emprego. Resulta de todo punto inxustificable que a factura desta crise sexa a pagar polos traballadores, a parte máis débil da cadea, e polas empresas ás que se lle impón unha suspensión forzosa que trasladan aos seus traballadores, porque a outra solución é o peche pola quebra económica. Dende CONFAPA Galicia reclamamos medidas laborais e económicas para a protección dos traballadores (monitores de comedores e madrugadores, academias, profesionais de actividades extraescolares, deportivas ou culturais,) das familias e das ANPA e as súas Federacións.

4. A perda de calendario lectivo non pode resultar nunha lesión da calidade educativa que reciba o alumnado. Entendemos que os distintos niveis educativos teñen necesidades e contidos distintos e heteroxéneos, e tampouco a realidade social, económica e tecnolóxica de Galicia é homoxénea. Plantexar a educación a distancia ou telemática como un substituto da asistencia ás aulas é unha idea peregrina que rexeitamos enerxicamente. No entanto, CONFAPA Galicia esixe que esta situación non supoña unha mingua de calidade, polo que se é necesario defenderemos e esixiremos unha ampliación do calendario escolar máis alá do establecido orixinalmente.

5. Solicitamos e pedimos á comunidade educativa a colaboración co cumprimento das medidas, recomendacións e restricións que as autoridades sanitarias dispoñan para atallar esta crise sanitaria. Facemos un chamamento ás familias á responsabilidade cívica nun momento sen precedentes como o actual. Ao mesmo tempo agardamos que todas as medidas complementarias que poidan establecerse por parte das autoridades sirvan para o fin último de resolver o problema plantexado pola pandemia do Coronavirus Covid-19.

Xunta Directiva de CONFAPA-GALICIA a 12 de marzo de 2020.

 

Comentarios0

Deixa unha resposta