Xornada de sensibilización sobre a situación das persoas refuxiadas en Europa

A xornada, titulada “Na procura de refuxio”, #cabemostod@s, terá lugar o 29 de abril no salón de plenos do Pazo provincial de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra acolle o 29 de abril a xornada “Na procura de refuxio” coa intención de sensibilizar a cidadanía sobre a dramática situación que están a vivir miles de persoas refuxiadas que se viron forzadas a deixar os seus fogares e desprazarse a Europa, fuxindo de diferentes conflitos bélicos, principalmente de Siria.

Para facilitar a comprensión do que está a acontecer, a xornada de sensibilización expoñerá as experiencias en primeira persoa de profesionais e institucións que visitaron a zona. As diferentes charlas e debates están organizadas en tres bloques temáticos, dedicados ao traballo das ONG no terreo, ao voluntariado e aos medios de comunicación. A sesión pecharase coa inauguración da exposición “Exodus: o drama dos refuxiados en Europa”,  que amosa,  a través de fotografías, as vivencias persoais na denominada ruta dos refuxiados. A asistencia ao evento é libre ata completar aforo.

Segundo a Organización Internacional para Migracións, en 2015 chegaron a Europa 1,2 millóns de refuxiados e preto de 3.000 persoas faleceron no Mediterráneo durante o éxodo. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, referiuse a estas cifras para esixirlles aos gobernos de España e da Xunta que promovan medidas reais de acollida ás persoas refuxiadas.

Máis info