Resolución do 6 de setembro de 2010, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se establece o calendario para a realización de eleccións de membros dos consellos escolares

O obxecto desta disposición é fixar as datas para a elección dos representantes dos distintos sectores da comunidade educativa no consello escolar dos centros docentes sostidos con fondos públicos, así como ditar instrucións para o seu desenvolvemento.


Artigo 2º

1. As eleccións dos representantes dos distintos sectores da comunidade educativa no consello escolar realizaranse entre os días 24 e 30 de novembro de 2010, ambos os dous incluídos. Non obstante, co fin de fomentar a participación de todos os sectores implicados, é desexable que, dentro das posibilidades de cada centro, a xunta electoral fixe unha única data para as votacións correspondentes.


2. A xunta electoral regulada no artigo 30 do Decreto 92/1988, do 28 de abril, segundo a redacción dada polo Decreto 324/1996, do 26 de xullo, polo que se aproba o Regulamento orgánico dos institutos de educación secundaria, constituirase entre os días 3 e 5 de novembro de 2010, ambos os dous incluídos.


3. De conformidade co establecido no artigo 31 b) do Decreto 92/1988, do 28 de abril, é competencia da xunta electoral concretar o calendario electoral. As xuntas electorais terán presente, en todo caso, que o prazo de admisión de candidatos non deberá ser inferior a sete días naturais.


Artigo 3º

Os centros que comezaron o seu funcionamento no curso 2009-2010 levarán a cabo a primeira renovación do consello escolar prevista nos artigos 49 dos regulamentos aprobados polos decretos 374/1996 e 324/1996, no artigo 11 do regulamento aprobado polo Decreto 7/1999, e no punto 12 da Orde do 28 de agosto de 1996 pola que se regula o procedemento de elección dos órganos de goberno dos centros privados concertados, de acordo co calendario xeral previsto no artigo 2º desta resolución.


Artigo 4º

Para determinar os membros do consello escolar que deben ser renovados nos centros regulados polos decretos 374/1996 e 324/1996 terase en conta o establecido no punto 1 da disposición adicional terceira do Decreto 7/1999, do 7 de xaneiro, polo que se implantan e regulan os centros públicos integrados de ensinanzas non universitarias, que modifica o artigo 40 do Regulamento orgánico dos institutos de educación secundaria e o artigo 41 do Regulamento orgánico das escolas de educación infantil e dos colexios de educación primaria.

Calendario eleccións Consellos Escolares