RESOLUCIÓN do 10 de maio de 2012, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se regulan, con carácter experimental, os contratos-programa e se establecen as bases para a convocatoria e selección de programas dirixidos á mellora do éxito escolar nos centros docentes de educación primaria e secundaria dependentes desta consellería.
Sección 1ª. Disposicións xerais
Artigo 1. Obxecto.
Esta resolución ten por obxecto regular os contratos-programa e establecer as condicións para desenvolver nos centros educativos programas para a mellora do éxito escolar do alumnado durante o curso escolar 2012-2013.
Artigo 2. Ámbito de aplicación.
Poderán participar nesta convocatoria os centros educativos públicos, dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, seguintes:
a) Centros de educación infantil e primaria.
b) Centros de educación primaria.
c) Centros públicos integrados.
d) Institutos de educación secundaria.
Sección 2ª. Programas para a mellora do éxito escolar
Artigo 3. Programa de centro para a mellora do éxito escolar.
Os centros educativos poderán elaborar un programa para a mellora do éxito escolar do alumnado, sobre unha ou varias das actuacións que se establecen no artigo 5.