O Valedor do Pobo confirma que as ANPA teñen o deber de controlar o persoal que entra en contacto con menores

A FANPA fixo unha fundada queixa perante a valedora do pobo na que argumentou os problemas que a nova Lei 26/2015 supoñía para as ANPA unha nova carga xa que se nos trasladaban obrigas propias da Administración (certificacións de persoal por conta allea ou propia) a entidades formadas por voluntarios, sen recursos nin solvencia para asumila e que, por ende, están fóra do que os nosos estatutos adoitan establecer como actividades propias.

Esta nova obriga non é explícita na Lei citada pero a Consellería de Educación interpretouna de modo que na práctica está instando a todas as ANPA a asumila (mediante a “comunicación informativa” do 26/02/2016). No criterio da FANPA, esta interpretación da Consellería pon en risco o dereito das ANPA a exercer as accións e actividades que lle son propias pola súa natureza. Segundo a Consellerí:

“A todo o seu persoal contratado que entre en contacto con menores deberáselle esixir a oportuna acreditación de non ter sido condenado en sentenza firme por delitos sexuais.” Tamén chamada certificación “negativa”.

A modo de recordatorio de mandato legal de “obrigas que lles competen ás Federacións e ANPA individuais integradas cando levan a cabo as contratacións de carácter privado dos servizos de comedor escolar ou das actividades escolares”… en consecuencia “quen contrate os servizos que impliquen tales profesións, oficios e actividades debe comprobar que se cumpre tal mandato legal”.

Ante isto, o Valedor do Pobo afirma que:

  • A Consellería ten a obriga legal de informar as ANPA e as Federacións e Confederacións sobre a entrada en vigor dunha lei que afecta a este ámbito.
  • A valedora considera que a finalidade preventiva desta medida, como resposta á alarma social,  suscita dúbidas sobre a súa efectividade e o seu alcance en particular pola súa imprecisión, ambigüidade do ámbito de aplicación e consecuencias legais.
  • O conflito entre o dereito á intimidade e a protección dos menores contra a explotación e o abuso sexual leva a ter que garantir que as persoas que están en contacto con menores non supoñan un perigo ou situación de risco.
  • Xa que a solicitude de certificación negativa faise a instancia do titular interesado, o control parece proporcionado.
    • O interesado ten a opción de renuncia ou desistimento. As ANPA teñen a obriga de comprobar que as empresas contratadas cumpren  esta normativa respecto dos traballadores que entran en contacto co alumnado do centro nos servizos que as ANPA fornecen ou organizan, ou supervisar directamente o cumprimento deste deber por parte das persoas físicas que sexan contratadas para certas actividades (monitores, coidadores, …)
    • A norma é imprecisa e problemática no que respecta aos propios pais e nais que forman a ANPA, pero o criterio debe ser garantir a máxima protección respecto de todos os menores, en tanto non se produza xurisprudencia que clarifique os supostos máis problemáticos.
  • Segundo o criterio do Valedor do Pobo a protección das persoas menores de idade é unha obriga legal e moral de toda a sociedade e o ámbito desta protección deber interpretarse no sentido máis favorable aos menores.

Referencias:

  • Expediente : D.3.Q/466/16 no Rexistro xeral do Valedor do Pobo (saída do 15 de maio de 2016)
  • Lei 26/2015, do 28 de xullo, de modificación do sistema de protección á infancia e á adolescencia publicado no BOE núm. 180 do 29/07/2015.
  • Comunicación informativa da Consellería de Educación do 26/02/2016 sobre a entrada en vigor da lei e o real decreto que regulan o Rexistro central de delincuentes sexuais.
  • 40.700 persoas están rexistradas con condenas por este tipo de delitos
  • Real decreto 1110/2015, de 11 de decembro, polo que se regula o Rexistro Central de Delincuentes Sexuais
  • Lei orgánica 8/2015 de protección xurídica do menor
  • Observación xeral núm. 14, de 29 de maio de 2013, do Comité das Nacións Unidas  de Dereitos do Neno
  • Instrumento de Ratificación do Convenio do Consello de Europa para a proteccións dos Nenos contra a explotación e o abuso sexual, BOE núm. 274, de 12 de novembro de 2010, páxinas 94858 a 94879.

Anexos: