Comunicado de prensa da ANPA do CEIP FERMÍN BOUZA BREY de Ponteareas

 

OS ALUMNOS E ALUMNAS DO C.E.I.P. FERMÍN BOUZA BREY NON ESTÁN PROTEXIDOS DOS ACCIDENTES NUN CENTRO ONDE A SEGURIDADE É MÍNIMA.

Na derradeira festa do entroido no centro de educación infantil e primaria Fermín Bouza Brey, Sara tropezou cunha pedra que sobresaía do chan e rompeu un dente contra a rampla de cemento da entrada. Pouco despois tocoulle a Rubén, que rompeu dous dentes contra a portería da pista masificada de fútbol.

Nestes dous casos e debido ao desembolso económico que conlevan –a seguridade social non cobre este tipo de tratamentos- os pais recorreron á Xunta xa que ésta non ten un seguro que cobra ao centro contra calquera tipo de accidentes, sen embargo, si que ten un seguro que cobre os roubos.

A Xunta denegou a indemnización tamén nos dous casos alegando que os rapaces e rapazas están vixiados no recreo por un grupo de profesores de garda que velan pola súa seguridade e estes accidentes son casuais e non derivados dun mal estado do colexio.

 

Os pais e nais desta asociación pensamos que isto é tan só un pitorreo máis por parte da Xunta, xa que todos e todas sabemos de sobra en que condicións se atopa este centro.

Resúltanos indignante que nosos fillos e fillas, enriba de ter que estudar nunhas condicións insultantes e perigosas, non teñan cobertura dun seguro escolar ou dun mínimo respecto por parte da Xunta.

 

Recordemos que son xa 621 alumnos/as e subindo. Que o ximnasio non chega para todos e, nun novo canto ao despropósito, puxéronse a arranxarlle o chan na primeira semana do curso, polo que está inutilizado. Que a zona recreativa tampouco chega para todos e comérona aínda máis cun aulario imposto que leva meses parado (literalmente) e que se sitúa enriba dunha pista de deporte que queda completamente derruída. Que levamos anos denunciando o mal estado deste centro que ten, entre moitas outras cousas, un chan inmellorable para romper os dentes ou a cachola ou unha perna, o que cadre. Que denunciamos este mal estado á consellería de educación e a falta de salubridade á consellería de sanidade sen obter resposta.

 

Preguntémonos: cómo un pequeno grupo de profesores poden velar pola seguridade de centenares de nenos e nenas á vez? cómo é posible que un centro destas características non teña seguro para estes casos? podemos todos os pais e nais dun centro público facer fronte a facturas dun dentista por valor de máis de 3000 €? qué fará a Xunta cando un pequeno teña un accidente verdadeiramente grave?

 

Para rematar, gustaríanos informar que esta asociación paga relixiosamente un seguro que cobre calquera accidente que poida sufrir un alumno ou alumna durante as clases extraescolares organizadas por nós neste centro.