Comunicado de FANPA PONTEVEDRA sobre o peche do banco de libros municipal

A Concellaría de Benestar Social manifestou hoxe na prensa a súa decisión de pechar o banco de libros de cara ao curso vindeiro. Dende a Federación de ANPA de Centros Públicos da Provincia de Pontevedra queremos expresar a nosa disconformidade con esa decisión polos seguintes motivos:

1. O banco de libros é unha obra social de importancia fundamental no eido da educación, que axuda a máis de 1.500 nenos segundo as propias cifras da Concellaría de Benestar Social.

2. O ano pasado tanto dende CONFAPA Galicia como dende a propia FANPA impulsamos nos consellos escolares a continuidade dos libros de texto ata esgotar a súa vixencia, malia a implantación da LOMCE. A Consellaría de Educación aceptou a petición e acordou deixar nas mans dos directores a decisión de manter os libros de texto. 

3. A continuidade dos libros de texto, ata que remate o seu ciclo, foi grazas á existencia dos bancos de libros, se desaparecen, o acordo conseguido xa non tería valor ningún, polo que as familias terían que enfrontarse a unha renovación completa do material didáctico, cos custos disparatados que iso supón.

4. O banco de libros ten que estar plenamente vixente, sexa para libros da LOGSE ou da LOMCE, xa que seguirán sendo de difícil acceso para moitas familias. Pola súa parte, o decreto recente da Xunta de axudas para libros de textos, que obriga a crear fondos de libros en cada centro educativo, non elimina a necesidade dun banco de libros, pois as cuantías das axudas non cubre a totalidade do custo dos libros de texto polo que as familias sempre teñen que comprar algúns.

5. Na ESO a situación agrávase ao seren os libros máis caros e, no entanto, as axudas para os libros de secundaria son moi semellantes aos de primaria. Por outra banda, para bacharelato non hai axudas.

6. Consideramos que a decisión da Concellaría é precipitada xa que aínda non sabemos que vai pasar o curso vindeiro: cantos libros cambian os colexios, de que contía van ser as axudas, etc. 

Polas razóns citadas non podemos compartir a decisión da Concellaría de Benestar Social de pechar o banco de libros, e agardamos de xeito sincero, que reconsidere a medida adoptada.