Comunicado de Confapa-Galicia sobre a Lei de convivencia

Nota de prensa da Xunta Directiva de Confapa-Galicia:

Reunida en Pontevedra para a súa sesión ordinaria o 26 de febreiro na sede da Federación Provincial de ANPA de Pontevedra, Confapa-Galicia quere comunicar o seguinte a respecto do Proxecto de Lei de convivencia e participación:

Confapa-Galicia apoia o profesorado e considera que reforzar a súa autoridade é unha tarefa fundamental. Limitarse á promulgación dunha lei, sen tomar ao mesmo tempo outras medidas dirixidas ao conxunto do sistema educativo, resulta claramente insuficiente. Ademais de que unha lei sobre a convivencia non debe servir de escusa para solventar a falta de amparo legal para outro tipo de iniciativas políticas alleas a este fin.

Para nosoutros esta lei é inxusta e mesmo pode ser contraproducente, creando máis problemas dos que pretende solucionar pois desestrutura o noso sistema educativo, os seus órganos de organización interna, non establece un contrapeso de dereitos e deberes de alumnos pero tamén de profesores, dirección de centro e Administración educativa, introducindo a titoría do sistema xudicial para a resolución de problemas, xa que os alumnos e as familias se encontrarán en situación de indefensión: resultarán inútiles órganos como o Consello Escolar, esquecerase a mediación e a prevención dos conflitos así como a finalidade educativa de todas as medidas apropiadas ao ámbito escolar. É dicir, redúcense os recursos profesionais e materiais, cámbianse por regulamentos e normas de represión.

Como conclusión, esa norma carece de elementos de control sobre o exercicio desa autoridade para ser aplicados nunha realidade social que non xustifica tales medidas, resultando daquela unha norma inadaptada que deberá ser reformada por ineficaz.

Xunta Directiva de Confapa-Galicia

Representante da Conferención de ANPA de centros públicos de Galicia