COMUNICADO DA FANPA DE PONTEVEDRA SOBRE A PROBA DE AVALIACIÓN DO 3° DE PRIMARIA

Ante a resolución da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, do 24 de abril de 2015, pola que se ditan instrucións para o desenvolvemento da avaliación individualizada dos alumnos e alumnas do terceiro curso de educación primaria en aplicación do Decreto 105/2014, do 4 de setembro, polo que se establece o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia recolle que: “a avaliación individualizada de terceiro curso de educación primaria ten como finalidade comprobar o grao de dominio das destrezas, capacidades e habilidades do alumnado en expresión e compresión oral e escrita, cálculo e resolución de problemas en relación coa adquisición de competencias en comunicación lingüística e da competencia matemática. Esta avaliación ten carácter informativo e orientador”. EXPOÑEMOS: 1. O dito carácter informativo e orientador é compatible co carácter avaliativo da proba diagnóstico, e co requirimento de aprobala para promocionar de curso. De feito, o artigo 20.2 da LOMCE expón que: “O alumno ou alumna accederá ao curso ou etapa seguinte sempre que se considere que logrou os obxectivos e ten acadado o grao de adquisición das competencias correspondentes. De non ser así poderá repetir unha única vez durante a etapa, cun plan específico de reforzo ou recuperación. Atenderase especialmente aos resultados da avaliación individualizada ao finalizar o terceiro curso de Educación Primaria e de final de Educación Primaria”. 2. CONFAPA Galicia solicitou unha aclaración neste sentido, tanto á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria como ao Consello Escolar de Galicia, igualmente, sobre como afecta a proba ao expediente do alumno/a e que medidas de reforzo están previstas para os casos con resultado desfavorable, sen obter resposta. 3. De recaeren as ditas medidas de reforzo no profesorado, será este o que deberá atopar e aplicar solucións se o resultado é desfavorable. Deste modo a Administración desenténdese da súa obriga de compensar a desigualdade socioeducativa (destinar máis recursos humanos e económicos aos centros con máis necesidades). 4. A LOMCE define a proba de avaliación diagnóstica como unha auditoría externa ao centro. Pola contra, o decreto da Consellería establece que é cada centro quen se autoavalía, perdendo a proba, polo tanto, calquera valor obxectivo e rigoroso que puidese ter. Polo tanto, dende a Federación de ANPA de Pontevedra COMUNICAMOS: 1. Que mentres non se clarifique en texto legal da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria o carácter non avaliativo da proba diagnóstico de terceiro curso de primaria debemos supoñer que a proba ten carácter avaliativo, e que para promocionar de curso é necesario aprobar o dito exame, tal como establece a LOMCE no artigo 20.2. 2. Esta situación, conxuntamente coa perda do seu carácter de auditoría externa e a carencia de medidas específicas de reforzo obrigadas segundo a LOMCE, reforzan a nosa oposición frontal á realización desta avaliación diagnóstica, polo que pedimos a retirada do decreto e a non realización da proba. 3. A FANPA conxuntamente cos seus asociados estudará as medidas que adoptará para que se atenda a petición de retirada do decreto e a non realización da avaliación individualizada. Nota pdf