Carta ao conselleiro de Educación sobre o novo decreto galego de Educación sobre as linguas oficiais no ensino

Carta da Confederación Galega de APA de Centros Públicos de Galicia remitida o 9 de febreiro de 2010. Posición oficial da Xunta de Goberno de CONFAPA, máximo órgano do movemento de APA de centros públicos de Galicia, refrendada na Asemblea Xeral de marzo de 2010.

Señor:

O pasado día 20 de xaneiro 2010 en reunión con vde. entregámoslle as nosas alegacións ao borrador do decreto do galego

En liñas xerais dicimos que non sexa vinculante a consulta ás familias, sobre a lingua materna, á hora de inscribir aos nosos fillos nos centros educativos. O profesor na etapa educativa, coa colaboración do equipo de orientación, observará que lingua é a predominante e fará actividades e estratexias de aprendizaxe para que o alumnado teña competencias nas dúas linguas (galego e castelán). Se así comeza a etapa infantil, continuará en primaria e secundaria obrigatoria.

É dicir, as familias non temos que determinar en que lingua oficial de Galicia teñen que ser educados os nosos fillos, porque estamos nunha comunidade onde existen dúas linguas oficiais, é obvio que para ter liberdade lingüística, hai que ter competencias nas dúas para utilizalas indistintamente.

Correspóndelle á administración educativa a responsabilidade de planificar as materias dos nosos alumnos, para que cando rematan a secundaria obrigatoria teñan a capacidade de ler e escribir e expresarse oralmente nas dúas linguas.

Na reunión do pasado mes de xaneiro, garantiunos que se impartirían materias en galego e castelán ao 50%, que habería unha avaliación de competencias lingüísticas ao finalizar cada ciclo, garantía de seguimento e publicación de resultados en cada centro, potenciación a nivel educativo e familiar (competencia no uso oral) con actividades extraescolares e introdución paulatina cara ao multilingüísmo desde as primeiras etapas.

Se no novo decreto de galego se recollen as alegacións presentadas por CONFAPA e o expresado por vde. na citada reunión, conte co apoio desta Organización.

Grazas pola súa atención.