ORDE do 3 de maio de 2013 pola que se convocan prazas de residencia nos centros residenciais docentes da Coruña, Ourense e Vigo para realizar estudos postobrigatorios non universitarios no curso académico 2013/14.

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. A presente orde ten por obxecto a convocatoria das prazas de residencia vacantes nos centros residenciais docentes da Coruña, Ourense e Vigo para o alumnado dos centros que se sinalan no anexo I.

2. No caso dos centros privados concertados, será requisito indispensable que os estudos cursados estean incluídos no ámbito do concerto.

Artigo 2. Determinación das prazas de residencia vacantes

1. Os centros residenciais docentes remitirán á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, antes do 10 de maio de 2013, o número de prazas vacantes para o curso académico 2013/14.

2. Esta relación de prazas de residencia vacantes publicarase na páxina web dos centros residenciais docentes a partir da data indicada.

Artigo 3. Requisitos de nacionalidade e residencia da persoa solicitante

1. Poderá presentar a solicitude de praza de residencia o alumnado que teña a nacionalidade española, dalgún Estado membro da Unión Europea ou doutros países con residencia en España, para iniciar ou continuar estudos nos centros docentes respectivamente adscritos aos centros residenciais da Coruña, Ourense e Vigo, conforme o indicado no artigo 1, así como os actuais residentes que teñan rematado un nivel educativo ou ciclo e desexen seguir como tales no seguinte nivel ou ciclo e, sempre que existan vacantes, o resto de alumnado residente; terán preferencia neste último caso aqueles que pretendan continuar os estudos da mesma familia profesional e no mesmo nivel educativo.

2. Así mesmo, será necesario que os estudos para os cales solicita a praza de residencia non os poida cursar na localidade de residencia da unidade familiar por non existir un centro sostido con fondos públicos que os imparta, nin nunha localidade próxima, ou porque a distancia entre este e o domicilio familiar e os medios de comunicación dispoñibles impidan un acceso diario con facilidade.

Con carácter excepcional poderase exceptuar o cumprimento do requisito sinalado no parágrafo anterior no caso de concorrencia no solicitante dalgunha circunstancia persoal ou familiar moi grave, debidamente xustificada e acreditada.

DOG N.º 91