ORDE do 19 de setembro de 2012 pola que se convocan axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para a realización de estudos universitarios durante o curso 2012/13 nas universidades do Sistema universitario de Galicia, e se establecen as bases reguladoras.

Artigo 1. Obxecto da convocatoria

Esta orde establece as bases polas que se rexerá a concesión de bolsas ou axudas, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, aos alumnos que cursen ensinanzas universitarias adaptadas ao EEES, conducentes aos títulos oficiais de grao ou ensinanzas universitarias conducentes aos títulos oficiais de licenciado, enxeñeiro, arquitecto, diplomado, mestre, enxeñeiro técnico ou arquitecto técnico, e procédese á súa convocatoria.

Artigo 2. Natureza e contía da axuda

1. A axuda consistirá no pagamento do importe das taxas e dos prezos públicos oficiais por servizos académicos, para o curso 2012/13, que fose efectivamente aboado polo beneficiario.

2. Tanto a exención das taxas como as axudas para o pagamento dos gastos de matrícula alcanzarán unicamente as materias ou créditos de que se teña matriculado o solicitante, no curso 2012/13, nunha única titulación e especialidade.


DOG Nº 186