DECRETO 169/2012, do 1 de agosto, polo que se determinan as festas da Comunidade Autónoma de Galicia do calendario laboral para o ano 2013.

O artigo 37.2 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e o artigo 45 do Real decreto 2001/1983, do 28 de xullo, na súa redacción dada polo Real decreto 1346/1989, do 3 de novembro, determinan o calendario de festas laborais de ámbito estatal, de carácter retribuído e non recuperable. Respecto dalgunhas destas festas de ámbito estatal as comunidades autónomas teñen facultades de opción e de substitución por outras que por tradición lles sexan propias, e tamén as poderán substituír, cando haxa festas estatais que coincidan con domingo, para incorporar outras da comunidade autónoma que lles sexan tradicionais.

Conforme o establecido no artigo 37.2 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no artigo 45 do Real decreto 2001/1983, do 28 de xullo, modificado polo Real decreto 1346/1989, do 3 de novembro, e facendo uso das facultades de opción e substitución, óptase polo 25 de xullo, festa de Santiago Apóstolo e, substitúense os días 6 de xaneiro, día de Reis, e 8 de decembro, A Inmaculada, por coincidiren en domingo, polos días 17 de maio, Día das Letras Galegas, e 24 de xuño, día de San Xoán.

Respecto á festa de carácter estatal de Xoves Santo, día 28 de marzo, non se exerce a facultade de substitución e polo tanto mantense como festivo en Galicia.

Segundo o establecido na Constitución española e no artigo 29.1 do Estatuto de autonomía de Galicia, en relación co Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos á Comunidade Autónoma de Galicia, asumidas e asignadas polo Decreto 117/1982, do 5 de outubro, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, a proposta da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar e, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do un de agosto de dous mil doce,

DISPOÑO:

Artigo 1. Festas laborais propias da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013

Ademais das festas de ámbito estatal que se sinalen, para o ano 2013 decláranse festas laborais propias da Comunidade Autónoma de Galicia, con carácter retribuído e non recuperable, as seguintes:

17 de maio: Día das Letras Galegas.

24 de xuño: San Xoán.

25 de xullo: Día Nacional de Galicia.

Artigo 2. Festas locais

Conforme o disposto no artigo 37.2 do Estatuto dos traballadores, artigo 46 do Real decreto 2001/1983, do 28 de xullo, e artigo 1.11º do Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, tamén serán inhábiles para o traballo, retribuídas e non recuperables, dúas festas locais, que serán determinadas polo/a xefe/a territorial da Consellería de Traballo e Benestar en cada unha das xefaturas territoriais da comunidade autónoma, por proposta do órgano municipal competente dos respectivos concellos, e publicaranse nos boletíns oficiais de cada provincia e no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 3. Cómputo de prazos

De acordo co que dispón o artigo 48.7 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, as festas laborais sinaladas no artigo 1 terán o carácter de días inhábiles para os efectos de cómputo de prazos.

Disposicións derradeira primeira. Comunicación ao Ministerio de Emprego e Seguridade Social

Do disposto no presente decreto darase traslado ao Ministerio de Emprego e Seguridade Social antes do 30 de setembro de 2012.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto producirá efectos desde o día un de xaneiro de dous mil trece.

Santiago de Compostela, un de agosto de dous mil doce