Adolescentes en busca de vida familiar, un programa de Arela para educar en convivencia

ARELA e a Xunta de Galicia levan a cabo o Programa CONVIVE.COMigo na provincia de Pontevedra, a finalidade é conseguir persoas ou familias que queiran convivir cun/cunha adolescente que teña a obriga de cumprir unha medida xudicial (Convivencia con outra persoa, familia ou grupo educativo). Durante este 2020 estanse a buscar os apoios de diferentes entidades, de cara a que poidan colaborar na difusión do mesmo, e así conseguir un banco de persoas ou familias que abarquen moitos dos territorios da provincia.

A través deste programa búscanse familias e persoas cunha alta sensibilidade cara a adolescencia que queiran facer unha aposta temporal por un/unha adolescente con dificultades. A través dun ambiente socializador e positivo permitiralles ás/aos adolescentes a posibilidade de modificar as circunstancias que motivaron a medida xudicial e, polo tanto, que non reincidan nos mesmos feitos, comportamentos e actitudes unha vez regresen a vivir coa súa familia de orixe.

Os requisitos para formar parte deste programa son os seguintes:

  • ser maior de idade,
  • dispoñer dunha vivenda adecuada,
  • estabilidade emocional,
  • comprometerse a traballar en equipo,
  • garantir un alto grao de dispoñibilidade,
  • non buscar a satisfacción dun desexo de paternidade…

A súa vez, valorase positivamente a formación relacionada con ciencias sociais, a experiencia previa en programas de acollemento familiar, ter unha predisposición a ser formadas en diferentes temáticas como adolescencia e formación de carácter xurídico .

ARELA ofrece unha formación grupal e individual, asesoramento, acompañamento de profesionais e un financiamento de 40€ diarios durante os meses que permaneza o/a adolescente coa familia ou persoa. (Prema na imaxe para ver unha das experiencias en familia)

*ARELA (www.arela.org)  é unha asociación que leva traballando en Galicia dende o ano 1998 con infancia e adolescencia en situación de desprotección e/ou conflito social, prestando diferentes servizos: Casas de Familia, Centros de Atención de Día Integral e Centros de Intervención Educativo en Medio Aberto (CIEMA) coa Consellería de Política Social.
Teléfonos: 986212537-604038672

convive@arela.org
Web: www.arela.org