Actividades de formación en linguas estranxeiras da Xunta de Galicia

O obxecto desta orde é establecer as bases e convocar axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para realizar as actividades de formación, dirixidas á mellora das competencias en lingua inglesa do alumnado de distintos niveis dos centros docentes sostidos con fondos públicos en Galicia, durante o ano 2017.

Actividades de formación convocadas.

1. As actividades que se convocan, cuxo contido se especifica en canto a número de prazas, destino e réxime de aloxamento no anexo IV, son actividades de formación para a mellora na competencia no uso da lingua inglesa.

2. O período de realización destas actividades comprenderá desde a última semana do mes de xuño ata finais do mes de agosto de 2017.

As datas concretas de realización das actividades daranse a coñecer coa publicación das listaxes definitivas do alumnado seleccionado.

3. A xestión e organización das actividades levarase a cabo por medio de empresas coa debida cualificación, contratadas pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Ocuparanse de ofrecer os recursos materiais e humanos necesarios para o seu desenvolvemento, así como da contratación dunha póliza de seguros para a cobertura das persoas asistentes.

As familias achegarán as cantidades que lles correspondan á empresa adxudicataria encargada da organización técnica da actividade, de acordo coas contías establecidas no anexo IV.

4. O custo total de cada actividade inclúe:
a) Os monitores ou monitoras que acompañarán o alumnado en cada un dos grupos durante a actividade.
b) Os gastos de docencia e o material escolar.
c) As actividades culturais, deportivas e complementarias dos cursos.
d) Os gastos de mantenza e aloxamento.
e) O certificado de realización da actividade.
f) O seguro de accidentes e de responsabilidade civil.

Beneficiarios:

Pais, nais ou titores legais, no caso do alumnado menor de idade, ou polo propio alumnado se é maior de 18 anos, sempre que conten con domicilio no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Requisitos:

a) Estar cursando 1º, 2º, 3º ou 4º de educación secundaria obrigatoria ou 1º ou 2º de bacharelato, en centros sostidos con fondos públicos que impartan ensinanzas de réxime xeral, durante o curso 2016/17, na Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Ter superadas todas as áreas ou materias no curso 2015/16.
c) Ter acadado no curso 2015/16 e na área ou materia de Lingua Inglesa, unha cualificación mínima de «Ben» no 6º curso de educación primaria para o alumnado de 1º de educación secundaria obrigatoria, e de 6 para o de 2º, 3º e 4º cursos de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato.
d) Non ter concedida, no presente curso académico, outra axuda coa mesma finalidade.
e) Non estar incurso nas prohibicións para obter a condición de beneficiario, recollidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
f) Estar en posesión do documento nacional de identidade (en diante, DNI), número de identidade de estranxeiro (en diante, NIE) ou pasaporte. No caso do alumnado menor de 14 anos que non dispoña de documento de identidade farase constar, como documento identificativo, o do pai ou da nai ou do titor ou titora legal.

Orixe: ED504B – Actividades de formación en linguas estranxeiras. – Sede Electrónica – Xunta de Galicia