A comunidade educativa do CEIP A Xunqueira 2 de Pontevedra pide coidadores a tempo completo para o seu centro

Os abaixo asinantes, membros todos da comunidade educativa do C.E.I.P. A Xunqueira Nº 2 de Pontevedra, ante os feitos das últimas 2 semanas que levaron á supresión de parte do tempo da coidadora do noso centro e a posterior dimisión da dirección, desexan facer público este comunicado co fin de facer oír a nosa opinión sobre os feitos antes mencionados e sobre a política educativa que está aplicando a Xunta de Galicia.

O día 11 de novembro recíbese no colexio un fax da Consellería de Educación polo que se comunica á dirección do centro que a partir dese día deberán compartir a coidadora con outro centro, para iso argumenta que “o obxectivo é a eficiencia e priorizar os recursos”. A que se refire a Consellería por EFICIENCIA, cando se lle retira a un alumno AA que ten continuas rabechas e fuxidas de clase, tirándose ao chan e non atendendo a ningunha instrución, e necesita da presenza continua da coidadora tanto para que a profesora poida impartir a clase como para que o alumno participe nela? A que se refire a Consellería por EFICIENCIA, cando a alumna BB cun 50% de discapacidade psíquica e sensorial con graves dificultades para orientarse no colexio, non pode ir soa dunha dependencia a outra e necesita a presenza continua da coidadora nas clases de educación física? A que se refire a Consellería por EFICIENCIA, cando C.C. cun 33% de discapacidade necesita a axuda da coidadora nos cambios de clase, na saída do centro ou para ir ao baño? Desde logo á EFICIENCIA EDUCATIVA non se refire a Consellería, por que senón en lugar de sacar ao centro media coidadora tería que pór 2 coidadoras máis. Deberá entón referirse á EFICIENCIA ECONÓMICA por aquilo de “priorizar os recursos”, porque para a Consellería é máis PRIORITARIO cambiar o idioma dos libros de texto, tirando así moitos libros útiles ao lixo, porque lle é máis PRIORITARIO comprar ordenadores aínda que non hai persoal para atender aos alumnos, porque lle é máis PRIORITARIO dobrar o profesorado para impartir as clases en Inglés á conta de sacar atención aos máis necesitados. Se o que quere a Consellería é ese tipo de EFICIENCIA debería crear a Consellería de Educación e Economía.

Tamén di a Consellería de Educación? que se basea en informes técnicos que garanten a atención do alumnado, informes, nos que non se conta co que poida achegar a orientadora e directora do centro. É esta a política da Xunta, enviar un fax e ignorar e negar os problemas? É que os problemas desaparecen por que se diga que non os hai?

 Para rematar non queremos pasar por alto o rexeitamento da Consellería de Educación? á dimisión en bloque da dirección do centro, alegando que non existe “unha causa xustificada”. Refírese a Consellería a unha causa económica? Porque máis xustificado que verse incapaz de garantir un mínimo de calidade no ensino. Non lle parece suficiente? Que é necesario entón para dimitir? Ou non se pode dimitir por responsabilidade co teu traballo e coa túa profesión? Por desgraza abundan máis as actitudes do curta e pega, e os problemas? … mentres llos leve outro …

 Queremos agradecer publicamente á dirección do centro a súa posición, por profesional e responsable, e por suposto queremos que siga ao fronte do mesmo, pero tamén queremos pedirlle que se non se dan as condicións para impartir un ensino de calidade manteña a súa actitude e o seu compromiso.

 ESIXIMOS á Consellería de Educación se reúna URXENTEMENTE o Xefe Territorial coa Dirección do C.E.I.P. A Xunqueira Nº 2 para SOLUCIONAR os problemas que actualmente ten.

 ESIXIMOS por EFICIENCIA EDUCATIVA non soamente que se reincorpore a coidadora a tempo completo senón que se apoie o traballo do profesorado con outra coidadora máis, e persoal educativo especializado, xa que nos últimos anos incrementouse o número de alumnos matriculados, na súa maioría de 3 e 4 anos, así como o de nenos con necesidades de coidados especiais, mentres o número de profesionais de apoio reduciuse. ESIXIMOS que os nenos con algunha discapacidade teñan unha educación da mesma calidade que os demais, e que os seus compañeiros non se vexan afectados por compartir a súa aula. Ademáis ESIXIMOS  amplíese o horario das coidadoras ás 8,30 horas da mañá para poder facerse cargo dos nenos, especialmente de 3 e 4 anos, que a partir desa hora son deixados polos autobuses de transporte escolar, quedando estes sen coidados ata as 9 horas.

 Por EFICIENCIA EDUCATIVA ESIXIMOS tamén se dote ao centro de persoal administrativo, xa que é inconcibible que un centro con 300 alumnos non conte con persoal profesionalizado para as tarefas de administrativo, téndose que ocupar desas tarefas o profesorado membro da directiva.

 Poderiamos esixir, razóns hai, tamén a dimisión dalgún membro da Consellería de Educación pero consideramos que o problema que ten non é de persoas senón de política, por iso ESIXIMOS á Consellería que cambie de política educativa para que prevaleza a EFICIENCIA EDUCATIVA, a económica non é necesaria, xa que un sistema educativo eficiente é sempre moito máis barato e rendible

 Pontevedra a 23 de Novembro de 2010