Youtubeir@s, un certame para maiores de 14 que promove a creación de contidos en lingua galega nas redes sociais

Youtubeir@s nace coa vontade de promover e visibilizar o uso do galego con vídeos de opinión e videotitoriais a través dunha das redes sociais máis influíntes do momento, YouTube. Nesta era dixital @s youtubeir@s viñeron para quedarse e pisan forte apropiándose do temas que máis @s identifican e compartindo ao seu paso un sen fin de creatividade, diversidade e sabedoría.

Dende vídeos sobre que opinas das bolsas de férula de pataca, pasando por un videotitorial de como facer o nó da gravata, ata como amplificar o sinal da Wi-fi cunha lata! Comparte as túas habilidades, criterios e sabedoría na Rede onde miles de millóns de persoas descobren, aprenden, visualizan e comparten máis e máis vídeos. Non soa ben?

Ademais dos Premios, Youtubeir@s inclúe actividades de visibilización d@s creadores, formacións específicas, dinamización e xeración de contidos nas redes sociais e a sinerxia con festivais e outros proxectos culturais galegos… todo isto fai de Youtubeir@s un proxecto diverso e moi completo!

 —Podedes participar cos vosos vídeos e canles en YouTube ata o 15 de marzo: Premios Youtubeir@s. Nos Premios Youtubeir@s poderán participar todas as persoas maiores de 14 anos a través de vídeos de opinión ou videotitoriais autoproducidos en galego subidos a Youtube de xeito independente ou nunha canle. Todas as pezas participantes teñen que estar publicadas sen restricións de privacidade e cos cancelos #youtubeiras #youtubeiros na descrición. En total, o certame entregará 5.500 euros en premios, repartidos nun nas categorías: vídeo-facermos, vídeo-opinarmos, canle, creatividade, eficiencia comunicativa, calidade técnica, calidade lingüística e o premio do público.

As bases están no web www.youtubeiras.gal  e os premios entregaranse o vindeiro 20 de abril de 2018 nun acto público na Coruña no cal o xurado dará a coñecer os vídeos gañadores.

—Podedes propoñer vídeos para o premio do público, ata o 20 de febreiro: #propostayoutubeira é unha das grandes novidades deste ano, xa que as persoas usuarias da rede social Facebook poderán propoñer a través dun simple comentario no perfil de Youtubeir@s un vídeo do que sexan seareiros/as incluíndo o cancelo #propostayotubeira. Os vídeos propostos han de axeitarse ás categorías de vídeo-facermos e vídeo-opinarmos. Toda a información: http://youtubeiras.gal/propostayoutubeira/

O prazo para facer estas propostas como público remata o 20 de febreiro ás 23.59 horas.

—Podedes votar os vosos vídeos favoritos, do 25 de febreiro ata o 15 de marzo. Con todas as propostas recibidas crearase un álbum na páxina de Facebook de Youtubeir@s para que todo o mundo poida votar polos seus vídeos favoritos, a través de “gústame”. Esta votación realizarase do 25 de febreiro ao 15 de marzo. Os 5 vídeos que reciban máis “gústame” nese prazo (só serán contabilizados os “gústame”, non os “faime rir”, nin os “abráiame”…) pasarán ao xurado dos premios, en entre eles escollerán, seguindo os criterios das bases xerais, o Premio do Público #PropostaYoutubeira, valorado en 500 €.