Conclusións e resultados da enquisa sobre educación non presencial e Covid-19


Dende
CONFAPA Galicia, preocupados pola actual situación de confinamento dos nosos fillos e polo proceso educativo a distancia que están desenvolvendo, quixemos ter unha visión en primeira persoa das dificultades e atrancos que a actual conxuntura provoca na vida cotiá das familias, na súa capacidade de conciliar, no peso que o proceso educativo non presencial está descargando sobre os pais, ou os recursos dos que dispoñen as familias para poder asumir a devandita carga.

Para este propósito pedímosvos que participarades nunha enquisa, que grazas á vosa masiva participación tivo máis de 6200 respostas no momento de realizar esta nota de prensa. Tendo en conta a poboación escolar de Galicia en centros públicos no ámbito da enquisa, a mostra constitúe un 10% da poboación. Dos vosos datos, extráense conclusións extraordinariamente valiosas para termos unha opinión cunha base real da paisaxe que vós estades vivindo en primera persoa. As conclusións máis importantes que queremos destacar da enquisa son as seguintes:

  • O precepto constitucional da educación universal non se está a cumprir. Case un 30% de familias non teñen un acceso a redes que lles permita desenvolver unha educación non presencial coas condicións mínimas de bidireccionalidade que se necesitan para que a transmisión de coñecemento sexa factible.

  • A presión sobre as familias en termos de conciliación é extraordinaria. Un 37% de alumnos non dispoñen de estancia propia na vivenda para poder desenvolver o seu traballo cotián, e teñen que empregar os espazos comúns (onde se almorza, ou se xoga ou se convive). Un 63% de familias teñen que compartir o único ordenador dispoñible, que vale para teletraballar, para asistir a clase (cando se dan clases a través de plataformas específicas) e para facer os deberes que se lles envían aos alumnos. A enquisa tamén sinala que na gran maioría de casos as familias están suplindo ao profesor, pois os alumnos necesitan axuda para desenvolver os contidos que reciben.

  • A disparidade de ferramentas, canles, e contidos que se empregan nesta situación por parte dos centros é inmensa, e mesmo entre profesores dun mesmo curso académico do mesmo centro. As familias están abocadas a consultar todo tipo de canles, sen unha mínima estrutura nin organización. A práctica totalidade de recursos e ferramentas son unidireccionais, é dicir, envíanse contidos sen interacción co alumno, e recíbense resultados. En moitos casos sen obter ningunha guía sobre se o que se está facer está correcto ou non. As canles máis usadas con moita diferencia son o correo electrónico e o taboleiro do web do centro, que é un medio estático que hai que consultar todos os días. Tamén se emprega masivamente as redes sociais como Instagram, Whatsapp ou semellantes. A este respecto temos que recordar que a Lei de protección de datos persoais impide a menores de 14 anos asinar contratos de prestación de servizos sen o consentimento paterno.

  • Igualmente, a enquisa desvela que preto dun 43% de alumnos están recibindo materia nova e outro 22% están sendo avaliados, aínda que a instrución da Consellería de Educación era clara ao respecto, e se comunicou en varias ocasións que este tramo non sería avaliable e que os contidos non deberían ser sobre a materia dada.

  • A carga de traballo no alumnado está sendo diversa, pero nos niveis educativos superiores a gran maioría de alumnos emprega máis de 5 horas ao día para desenvolver a educación non presencial. Tendo en conta todo o que estamos a sinalar sobre os recursos familiares tanto técnicos como personais, trátase dun esforzo desproporcionado e ilóxico, pois non se pode comparar unha hora de docencia nun espazo preparado para iso e da man do profesorado cunha hora de traballo nun espazo non adaptado a esa tarefa, coa supervisión paterna e nunha situación de estrés derivada do confinamento, a falta de liberdade, e a angustia pola situación familiar e social que se lles traslada tamén aos nosos fillos.

  • Os alumnos con necesidades de apoio ou de necesidades educativas especiais son os grandes esquecidos deste proceso, pois en moitos casos nin os pais teñen coñecementos suficientes para suplir o traballo do profesorado específico, nin tampouco as ferramentas docentes que se están a empregar son as axeitadas para garantir o dereito deste alumnado a unha educación inclusiva.

Ao abeiro dos datos, dende CONFAPA Galicia queremos resaltar o seguinte:

  1. A pesar do comentado, non hai un rexeitamento social sobre o proceso de educación a distancia nas circunstancias actuais, sempre que se cumpran unha serie de demandas: o emprego de plataformas específicas de teleformación, a adaptación de metodoloxías, contidos e ferramentas, a posta a disposición das familias de recursos técnicos suficientes e das medidas de conciliación necesarias para que o proceso educativo se produza de xeito equiparable ao da educación presencial.

  2. Como dixemos antes, o actual desenvolvemento deste período de educación non presencial non cumpre cos preceptos constitucionais de universalidade, nin tampouco coa necesaria igualdade de oportunidades. Máis ben, a actual situación afonda na brecha entre as familias que teñen recursos e coñecemento e as que non dispoñen de bens tecnolóxicos ou acceso a redes, ou as familias que carecen de formación e coñecementos para colaborar no proceso pedagóxico dos seus fillos.

  3. De cara á finalización do curso escolar no terceiro trimestre, entendemos que nestas circunstancias é imposible facer unha avaliación cun mínimo de xustiza do desenvolvemento pedagóxico do alumnado, mentres as circunstancias anteriormente sinaladas non se corrixan. Dende CONFAPA Galicia estamos en contra de que o remate do curso se produza nesas circunstancias.

  4. O peche deste curso escolar debe ser un traballo de consenso entre a Consellería de Educación e as familias. Esiximos que CONFAPA Galicia, como representante maioritario das familias da educación pública na nosa comunidade, estea presente en todos os órganos nos que se tomen as decisións sobre a continuidade do curso escolar 2019-20 e dos vindeiros, e que calquera decisión conte co visto e prace das familias. Isto é o mínimo esixible nunha situación como a que estamos vivindo, máis cando están sendo as familias as que están realizando o esforzo maioritario do proceso educativo que lle corresponde á Administración.

Rogelio Carballo Solla

Presidente de CONFAPA Galicia

 

—-

Confapa Galicia presenta este informe que recolle os resultados da enquisa sobre a realidade das clases non presenciais impostas pola situación de alarma sanitaria desde o pasado día 16 de marzo. O propósito da enquisa é saber cal é a realidade concreta en todos os niveis do ensino obrigatorio á data de hoxe, despois de dúas semanas de clases non presenciais e cando se rexistraban sobre 5.600 mostras presentadas. No entanto, a chegada de novas respostas e comentarios non cuantificables  (1800 no momento de redactar esta nota) segue a ser rexistrada.

O informe recolle tanto datos como valoracións das nais e pais sobre os aspectos escolares deste período ata a data de remate da 2ª avaliación o día 3 de abril. Finalmente recolle as conclusións que derivamos e que constitúen a base da nosa posición. Os datos están a disposición das autoridades, especialmente da Consellería de Educación.

A enquisa continúa aberta en

http://bit.ly/enquisaCONFAPA

RESULTADOS

resizeResultadois Enquisa CONFAPA-01
resizeResultadois Enquisa CONFAPA-02
resizeResultadois Enquisa CONFAPA-03
resizeResultadois Enquisa CONFAPA-04
resizeResultadois Enquisa CONFAPA-05
resizeResultadois Enquisa CONFAPA-06
resizeResultadois Enquisa CONFAPA-07
resizeResultadois Enquisa CONFAPA-08
resizeResultadois Enquisa CONFAPA-09
resizeResultadois Enquisa CONFAPA-10
resizeResultadois Enquisa CONFAPA-11
resizeResultadois Enquisa CONFAPA-12
resizeResultadois Enquisa CONFAPA-13
resizeResultadois Enquisa CONFAPA-14
resizeResultadois Enquisa CONFAPA-15
resizeResultadois Enquisa CONFAPA-16
resizeResultadois Enquisa CONFAPA-17
resizeResultadois Enquisa CONFAPA-18

Descargar o PDF

Resultadois Enquisa CONFAPA