Preguntas sobre o protocolo COVID para a Consellería de Educación

http://www.confapagalicia.org/novas/preguntas-sobre-o-protocolo-covid-para-a-conselleria-de-educacion/

Logo-CONFAPA
CONFAPA Galicia


2. Medidas de prevención básicas.

2.1… …Cada centro educativo deberá contar cun equipo formado na COVID-19 que será referencia para o resto do persoal, profesorado, alumnado e familias. O equipo estará formado pola persoa titular da dirección do centro, ou persoa na que delegue ou a substitúa, e dous membros do profesorado (nos centros de menos de seis unidades o equipo poderá constituírse cunha soa persoa). Corresponde á persoa titular da dirección do centro o nomeamento dos restantes membros. Tamén lle corresponderá á persoa directora, ou persoa na que delegue ou a substitúa, a función coordinadora Covid e a interlocución coa administración. En cada centro educativo establecerase unha canle de comunicación cos membros da comunidade educativa.

  1. Cal é a capacidade dos pais de exercer o dereito constitucional recollido no artigo 27.7 da Constitución española, «Os profesores, os pais e, no seu caso, os alumnos intervirán no control e xestión de todos os centros sostidos pola Administración con fondos públicos» no seo da comisión COVID do centro?
  2. Que razóns obxectivas levan a unha minoración da distancia esixida polo protocolo fronte á regulación xeral establecida no Acordo de 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, pola que se lle dá publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, e a subseguinte lexislación publicada no DOG?

2.1… … O persoal docente e non docente do centro educativo deberá realizar unha auto enquisa diaria…

  1. Hai algunha obriga de rexistro desa auto enquisa?
  2. De habela, como e quen a xestiona (responsable, tratamento dos datos, posibilidades de acceso a eles, consecuencias legais no caso de incumprimento, responsabilidades)

2.1… …Para a detección precoz no alumnado, estes (ou os seus pais/nais/titores/as legais) realizarán unha auto avaliación dos síntomas de forma diaria a fin de comprobar se estes son compatibles cunha infección por SARS-CoV-2. Utilizarase a enquisa clinicoepidemiolóxica que se describe no Anexo I que debe realizarse antes da chegada ao centro.

  1. Hai algunha obriga de rexistro desa auto enquisa?
  2. De habela, como e quen a xestiona (responsable, tratamento dos datos, posibilidades de acceso a eles, consecuencias legais no caso de incumprimento, responsabilidades)
  3. Cales son as consecuencias legais de esta obriga?
  4. Non ter en forma tal rexistro segundo as instrucións do protocolo supón falta administrativa ou delito?
  5. Cales son as sancións administrativas ou tipos penais aplicábeis?

2.1… …Se algunha persoa do núcleo familiar é sospeitosa de padecer a COVID-19, o alumnado ou o persoal do centro que convivan con elas non poderán acudir ao centro ata que se coñeza o resultado da proba e sexa negativo. A persoa afectada ou a súa familia comunicarán o resultado á persoa coordinadora COVID do centro.

  1. Debo comunicarlle ao centro datos protexidos sobre os historiais médicos da familia, tendo en conta que o persoal dos centros non ten habilitación para a custodia e protección de datos persoais de nivel máximo como son os sanitarios?
  2. Quen e como protexe a privacidade destes datos fronte á comunidade educativa)

3. Medidas de protección individual.

3.1 Durante as clases en aulas nas que o alumnado se dispoña sentado en pupitres e todos orientados nun mesmo sentido, establecerase unha distancia física mínima de 1 metro sen uso de máscara. Esta distancia é a recomendada pola Organización Mundial da Saúde para os centros educativos xa que a maioría dos estudos determinan a distancia máxima de 1 metro como punto de referencia para a proxección das gotas respiratorias. Nunha situación na que o ton de voz é baixo e as persoas non se encontran confrontadas, a proxección das gotículas respiratorias é inferior ao metro de lonxitude.

  1. Se os rapaces berrasen na aula, como fan moitas veces e todos recordamos facer porque todos pasamos polas aulas, significa iso que a distancia de 1 metro entre cadeiras deixa de ser válida e con iso a protección contra contaxios?
  2. Cal é o motivo de que se empreguen formas de medir distancias distintas ás recomendacións da OMS?
  3. Se os alumnos se reviran para pedir material a un compañeiro ou para calquera outra cousa, deixa de ser válida a distancia de 1 metro entre cadeiras?
  4. Cando un rapaz se ergue por calquera situación ordinaria e ten que pasar polo medio das mesas dos compañeiros, invalídase o protocolo, ou debe todo o mundo apartarse respectando o metro ou metro e medio de distancia segundo o caso?
  5. Que medidas adicionais se van adoptar nestes casos?

3.1… …Se o tamaño da aula non permitise as distancias previstas nos parágrafos anteriores adoptaranse as seguintes medidas:

  • Como última medida, imporase o uso da máscara obrigatoria en todo o horario lectivo.
  1. Esta obriga é para todo o alumnado, incluídos os alumnos de educación infantil ou de necesidades educativas especiais?
  2. Sendo a custo das máscaras cirúrxicas 0,92€ para unha validez temporal máxima de 4 horas, e tendo en conta que a xornada lectiva son 5 horas, o que obriga a que cada rapaz leve 2 máscaras por día, o custo mensual de cada fillo en idade escolar é de 40,48 €. Tendo en conta que esta contía é o 5% dun salario mínimo interprofesional por fillo, qué pasa se unha familia non pode mercar máscaras?
  3. Se un rapaz perde o esquece a máscara, cales son as consecuencias?
  4. Cales son as medidas para evitar o contaxio das propias máscaras sobre o resto do material e instalacións tendo en conta que as van poñer e quitar e que se almacenarán nalgún sitio?

3.3. Ademais desta norma xeral de distancia de seguridade interpersoal, na etapa de Educación Infantil e na de Educación Primaria poderase optar pola alternativa de establecer grupos estables de aula, ata un máximo de 25 alumnos, que xunto ao titor/a poderán conformar Grupos de Convivencia Estable cuxos membros poden socializar e xogar entre si sen ter que manter a distancia interpersoal de forma estrita. Estes grupos de convivencia estable deberán evitar a interacción con outros grupos do centro educativo, limitando ao máximo o número de contactos, o que non faría necesario gardar a distancia interpersoal de 1 metro en aula.

  1. Como se xestiona o risco de contaxio nun grupo estable de aula, tendo en conta que os alumnos teñen vida social fóra da aula? Teñen actividades extraescolares, comparten espazo coa familia e irmáns, van xogar ao parque, teñen actividades deportivas, fan festas de aniversario, etc.
  2. Se unha aula ten 26 alumnos, 25 alumnos que promocionaron e un repetidor, desdóbrase a aula?
  3. Se hai un traslado no medio do curso e a aula pasa de 25 a 26 alumnos desdóbrase a aula?
  4. Significado e/ou concreción de « deberán evitar a interacción con outros grupos do centro educativo, limitando ao máximo o número de contactos». Queda á discrecionalidade do protocolo específico do centro educativo?

3.4. Os centros educativos deberán informar a todos os membros da comunidade educativa sobre as medidas de prevención da transmisión da infección, as medidas de protección que se deben empregar e as instrucións para o correcto manexo das mesmas, destacando:

  • Evitar tocar os ollos, o nariz e a boca.
  • Hixiene de mans: lavado frecuente e meticuloso das mans con auga e xabón, durante polo menos 40 segundos, ou con solucións hidroalcohólicas, durante polo menos 20 segundos, no seu defecto. Cando as mans estean visiblemente sucias debe utilizarse auga e xabón.
  • Á entrada e saída do centro, esixencia a todas as persoas (persoal do centro, familias e visitantes) da realización da hixiene de mans con verificación visual do seu correcto cumprimento, prestarase especial atención a esta tarefa nos primeiros días do curso polo seu carácter educativo. No caso do alumnado verificarase a realización unha vez sentados na aula.
  1. Considérase factible que rapaces en idade infantil, nenos de 3, 4 ou 5 anos, sexan consecuentes cunha medida consistente en non tocar ollos, nariz ou boca?
  2. Supoñendo un centro de dúas liñas, de educación infantil e primaria, con 450 alumnos. Un lavado de mans de todos os rapaces supón 450 alumnos x 40 segundos = 18.000 segundos = 300 minutos = 5 horas. Supoñendo que nese centro existan 10 lavabos falamos de media hora de lavado de mans, sen contar co tempo necesario para rotar o alumnado nos baños sen mesturarse entre grupos de convivencia estable. Esta medida considérase factible tendo en conta o exposto? Máis aínda tendo en conta que o protocolo especifica facer máis lavados de mans ao longo do día e das actividades lectivas?
  3. Que se entende por verificación visual da hixiene de mans unha vez sentados na aula? Os profesores revisan as mans unha a unha? Como saben se foron hixienizadas cunha ollada?

3.5. Gardarase a distancia de seguridade de 1,5 metros co demais persoal e alumnado, tanto nos períodos de actividade como na entrada e saída ao posto escolar, así como nos tempos de descanso, sen prexuízo do establecido da previsión de 1 metro para as aulas.

  1. Como se pode cumprir con esta medida un día de chuvia en inverno en patios e zonas de entrada descubertos e sen protección dos que hai a moreas nos centros de ensino galegos?
  2. Se na fila da entrada ao centro hai que manter esa distancia, como e quen a garante?
  3. Hai espazos na xeneralidade dos centros educativos para garantir a distancia nas filas de saída? De establecerse quendas, canto tempo se estima preciso para unha saída de por exemplo un liña 1 completa?

3.6… …O alumnado non compartirá material de uso propio con ningún dos seus/súas compañeiros/as. Nas aulas ou no propio pupitre deberá existir un espazo diferenciado para o material de cada alumno de xeito que non permita ser manipulado por outros compañeiros.

  1. Que medidas se deberán adoptar se non hai espazo físico suficiente na aula para poder cumprir con esta norma do protocolo?
  2. Ata o de agora moitos centros completaban o material de xeito comunitario, permitindo que familias con menos recursos usaran material achegado por familias mellor situadas economicamente. Esta medida impide esta mecánica de funcionamento. Que actuacións de reforzo e complemento se darán para que o material que antes achegaba o colectivo poida ser agora fornecido por familias que economicamente están en situación desfavorecida?

3.7. Os equipos de traballo… As ventás, portas, persianas, contras,..serán unicamente usadas polo profesorado, coas medidas de seguridade e hixiene que procedan.

  1. Se un rapaz precisa ir ao baño, ou facer fotocopias, ou calquera acción que implique saír da aula, non pode? Hixieniza o mestre? Vai ir o mestre e deixa sós os alumnos? En definitiva, quen controla que nada diso se toque?

4. Medidas xerais de limpeza nos centros.

4.2. Deben de realizarse tarefas de ventilación frecuente nas instalacións, e por espazo de polo menos 5 minutos (10 minutos cando a sala ou aula estivese ocupada previamente) ao inicio da xornada, ao finalizar e entre clases, sempre que sexa posible e coas medidas de prevención de accidentes necesarias:

4.2.1. Cando as condiciones meteorolóxicas e do edificio o permitan, manteranse as xanelas abertas o maior tempo posible.

  1. Dado que se implantan medidas de ventilación debemos supoñer que virán determinadas por necesidades sanitarias e que son necesarias en todo momento. Que medidas suplementarias de ventilación se indican cando a situación meteorolóxica impida a apertura de xanelas? Por exemplo, en inverno con tempo frío.

4.3. Cando un profesional preste asistencia no mesmo espazo… …5 minutos.

  1. Cinco minutos ou dez? O 4.2 fala de 10 en caso de ocupación previa da sala, se o profesional presta asistencia a diferentes alumnos de xeito consecutivo, obviamente esa sala estivo ocupada previamente.

6. Subministración de material de protección.

6.3 O centro educativo arbitrará as medidas oportunas para que o inventario e contabilización dos custos deste material sexan individualizables respecto das restantes subministracións do centro, co obxecto de coñecer con detalle os sobrecustos derivados das medidas de prevención e hixiene ante o COVID-19 e vixiar o consumo axeitado do mesmo.

  1. Que se entende por sobrecusto e cal é a contía que se considera axeitada?
  2. Que consecuencias ten que un centro teña un sobrecusto derivado das medidas de prevención e hixiene ante o COVID-19?

7. Xestión dos abrochos.

7.1. Non asistirán ao centro aqueles estudantes, docentes e outros profesionais que teñan síntomas compatibles co COVID-19, así como tampouco aqueles que se atopen en illamento por diagnóstico de COVID-19 ou en período de corentena domiciliaria por teren contacto estreito con algunha persoa con síntomas ou diagnosticada de COVID-19.

  1. Cales son os síntomas cos que se debe confinar no domicilio?
  2. Cantos síntomas concorrentes se deben de producir simultaneamente para que sexa obrigatoria a corentena domiciliaria?
  3. Como se discriminan os síntomas COVID doutras enfermidades víricas estacionais?
  4. Como se discriminan os síntomas COVID doutras enfermidades crónicas con sintomatoloxía semellante?

7.3. No suposto da aparición dun caso, ou dunha sospeita, de coronavirus nun centro educativo tanto sexa do alumnado, profesorado ou persoal do centro, a persoa coordinadora do equipo formado na COVID-19 contactará coa Xefatura Territorial de Sanidade para comunicarllo, (sen prexuízo do uso da canle informática sinalada no punto 2). Será a propia Xefatura Territorial de Sanidade quen investigará os contactos que existan dentro do centro e os identificará, enviando a listaxe de contactos á Central de Seguimento de Contactos (CSC) quen se encargará da vixilancia evolutiva das persoas identificadas como contactos. Estas terán a consideración de contactos estreitos dun caso de Covid-19 e deberán estar en corentena no seu domicilio durante o período que sinale a xefatura de sanidade.

  1. Que criterios determinan a profundidade da cadea de contaxios?

8. Escenarios no suposto de abrochos.

8.1. A autoridade sanitaria, en función do número de contaxios, poderá ordenar o peche dunha ou varias aulas, dun nivel educativo ou do centro educativo na súa totalidade de conformidade cos seguintes supostos:

A aparición dun único caso confirmado nunha aula poderá supoñer a entrada en corentena da totalidade do grupo que conforma a aula e o do profesorado asignado a ese grupo.

Cando exista unha detección de 3 casos positivos confirmados nos últimos 7 días poderase acordar a medida do peche do nivel educativo completo onde xurdira o abrocho ou, de ser o caso, da totalidade do centro educativo.

  1. Que criterios determinan o peche dunha aula, dun nivel ou dun centro educativo? É potestade do centro educativo esa decisión («poderá»)?
  2. Estableceranse criterios idénticos para todos os centros?
  3. Cales son os prazos para determinar un peche?
  4. Como se cubre e en que prazos a falla dese profesorado cando comparte grupos?
  5. Que profesorado cobre o ensino a distancia dun aula ou nivel educativo?

8.2. A aparición dun contaxio sospeitoso con posterior confirmación é un suposto de declaración obrigatoria que implicará por parte da autoridade sanitaria a obriga de entrada en illamento de polo menos 10 días no caso da persoa enferma, e de entrada en corentena de 14 días a todas as persoas que teñan a consideración de contacto próximo de conformidade coas /indicacións das autoridades sanitarias.

  1. En caso de confinamento dos proxenitores, que medidas se establecen para reducir ao mínimo o período de corentena domiciliaria dos membros da familia e limitar o dano educativo, laboral e económico? Neste contexto, serán obrigatorias as probas diagnósticas tipo PCR para establecer canto antes o contaxio ou non por COVID 19?
  2. Un alumno que se atope en situación de corentena por posible contacto durante 14 días ou por positivo durante 10 días, e tendo en conta a sintomatoloxía moito máis leve nestas idades ou incluso a ausencia de síntomas, vai quedar relegado do proceso educativo durante a corentena individual? Se non é así, como vai continuar o seu proceso educativo?

8.4. Finalizado o período de peche presencial da aula, nivel educativo ou centro realizarase un proceso de reactivación por fases para o reinicio da actividade lectiva. As fases establecidas para a reactivación son orientadoras, existindo a posibilidade de modificar tanto a súa duración como a porcentaxe do alumnado incluído en cada fase. O modelo a aplicar correspóndelle á Consellería de Educación co asesoramento da Consellería de Sanidade. O modelo proposto establece catro fases:

  1. Seguindo as consideracións do protocolo, un peche dun aula pode supoñer ata 35 días de confinamento total ou parcial do alumnado nas súas casas, coa lesión que en termos de conciliación supón para as economías familiares. Que medidas vai desenvolver a Xunta de Galicia para evitar que os custos dunha crise sanitaria volvan recaer nos petos das familias e non se lles expropien os recursos económicos do mesmo xeito que xa sucedeu na situación de corentena decretada no estado de alarma?
  2. Que criterios se establecen para escoller cales alumnos volven antes ás aulas? Queda a criterio do centro educativo?
  3. Nesa volta gradual, garántese a igualdade de ensino entre os que volven e os que fican na casa?
  4. Que profesorado se fará cargo do ensino combinado (presencial/a distancia) nesas semanas?

9. Xestión das peticións nos supostos de vulnerabilidade.

O protocolo establece as medidas que se adoptarán en caso de recoñecemento de vulnerabilidade ante a exposición ao COVID 19 do persoal docente, administrativo e de servizos. Pero non determina absolutamente nada sobre as mesmas situacións dos alumnos vulnerables. Polo tanto:

  1. Recoñécese a situación de vulnerabilidade no alumnado?
  2. En caso afirmativo, como se materializa tal recoñecemento?
  3. Que medidas se van tomar para a súa protección?
  4. Como se vai desenvolver o seu proceso educativo?

11. Regulación de circulación e de entradas e saídas.

11.8. Para a saída do centro poderase flexibilizar o horario dentro da última hora lectiva.

  1. Poderá flexibilizarse esa hora tamén para o acceso ao servizo de comedor, permitindo así un maior número de usuarios pola posibilidade de establecer máis quendas?

11.9. O profesorado a quen corresponda a última hora lectiva velará porque o material estea recollido e desinfectado polo alumnado.

  1. Que material requirirá de desinfección? O non compartido non se desinfecta, aínda que fose utilizado en distintos lugares?
  2. Como se materializa esa desinfección por cada alumno? Dotaráselles de hixienizantes e terán que manexalos?
  3. Na mesma liña , parágrafo 16.3. , e 18.2 para usuarios da biblioteca.

12. Medidas relativas ás familias e ANPAS.

12.1. A realización de actividades extraescolares fóra da xornada lectiva dentro do recinto do centro educativo, sexan organizadas pola ANPA do centro ou polos concellos, está condicionada á aprobación dun protocolo que se integrará como anexo no “Plan de adaptación a situación COVID-19 no curso 2020/2021”. O dito protocolo determinará as medidas de prevención e protección fronte ao COVID e determinará con claridade as responsabilidades das persoas organizadoras ou xestoras.

  1. Ten a comisión COVID-19 atribucións e poderes que limiten os dereitos de uso das instalacións dos centros públicos de ensino tal como se definen na Orde do 22 de xullo de 1997 pola que se regulan determinados aspectos de organización e funcionamento das escolas de educación infantil e dos colexios de educación primaria (DOG. 02-09-97), no seu artigo 9.2 do capítulo III, Réxime de funcionamento do centro escolar?
  2. Cales son os criterios e normas polos que a Comisión COVID do centro aprobará ou rexeitará a realización de actividades polas ANPA?
  3. Cales son os contidos que se deben desenvolver no protocolo de cada actividade que promova a ANPA para poder ser aprobados?
  4. Que responsabilidades ten a Comisión COVID do centro se aprobara actividades e protocolos incompletos ou ineficaces?
  5. Cales son as responsabilidades civís ou penais que se lle poden reclamar ás ANPA pola realización de actividades en relación co cumprimento ou incumprimento do protocolo?
  6. Existe algunha directriz que unifique os criterios para o desenvolvemento de actividades por parte das ANPA, tal como se recollía na Orde de 22 de xullo de 1997, ou cada centro fixará os criterios que considere oportunos atendendo á liberdade de centros?

12.2. Nos programas de madrugadores seguirase o protocolo ordinario co engadido das prevencións en materia de consumo de alimentos e no caso dos momentos de descanso deitados coa separación de polo menos 1,5 metros entre colchóns ou colchonetas.

  1. Tendo os programas de madrugadores a consideración de actividades extraescolares desenvolvidas polas ANPA, debe aplicarse todo o establecido anteriormente sobre actividades extraescolares e ademais o protocolo xeral? Non é suficiente co seu protocolo específico aprobado pola comisión COVID do centro?

13. Medidas xerais en relación co alumnado transportado.

13.1 O aforo dos autobuses de transporte escolar será o determinado en cada caso polo órgano autonómico ou estatal competente. Inicialmente poderán ser utilizadas todas a prazas coa obriga do emprego de máscara. No caso do uso de taxis ou VTC poderanse ocupar todas as prazas, ocupando en último lugar a que está a carón do condutor.

  1. Cales son as condicións para determinar o aforo do transporte escolar segundo o protocolo?

13.2. Con carácter xeral cando se establezan limitacións de capacidade dos vehículos quedan suspendidas as autorizacións de carácter excepcional cando non sexa posible transportar a todo o alumnado con dereito lexítimo ao transporte (máis de 2 km).

No caso de que a capacidade dos vehículos non resulte suficiente para o traslado de todo o alumnado, o criterio de prioridade é o de maior distancia de residencia ao centro educativo, tendo en conta que a administración adoptará as medidas para que o transporte se realice en condicións de seguridade.

  1. Entón, enténdese suspendido o dereito a transporte escolar para aqueles alumnos que teñen residencia a máis de 2 km do centro, pero que pola redución do transporte só poida atender aos que viven máis lonxe do centro?
  2. Logo, se este alumnado non pode desprazarse ao centro, que medidas de escolarización se tomarán para garantir o dereito á educación?
  3. Que medidas son as que adoptará a Administración para que o transporte se realice en condicións de seguridade?

14. Medidas xerais en relación co uso do servizo de comedor.

14.1. O uso do comedor escolar, tanto de xestión directa como indirecta, e con independencia de quen preste o servizo, quedará limitado á capacidade suficiente para ter ao alumnado separado por 1,5 metros de distancia, ou 1 metro sempre que non estean encarados.

  1. Tendo en conta a existencia de grupos estables de convivencia nas aulas, os alumnos que pertencen a grupos estables deben estar separados no comedor coas distancias marcadas no protocolo de 1,5 m de distancia ou 1 m se non están encarados?
  2. Como se mide a distancia entre usuarios ao estar sentados, de centro da cadeira a centro da cadeira?
  3. Que medidas técnicas de separación verifican a distancia de 1,5 m de distancia? Existen alternativas tales como barreiras de separación ou de calquera outro tipo que permitan reducir as distancias xenéricas de separación?
  4. Se algún dos usuarios do servizo ou quenda dera positivo, habería que poñer en corentena todo o servizo ou só os usuarios de esa quenda ou espazo (de ter máis dunha aula para o servizo)?

14.2. Na medida do posible, o alumnado sentarase no comedor agrupado por aulas, de xeito que se manteña a continuidade do grupo de pertenza.

  1. Que medidas de separación son aplicables para establecer a continuidade do grupo de pertenza?
  2. Ratifica esta norma a posibilidade de non manter a distancia entre si dos alumnos que forman un grupo de convivencia estable no sentido do parágrafo 3.3?
  3. De estar máis dun grupo no servizo, ao dar un positivo, teríanse que poñer en corentena todas as aulas do centro ás que pertenzan eses usuarios de comedor?

14.4. O persoal colaborador respectará as rateos que correspondan ao número de alumnos/as presentes en cada unha das quendas. O persoal colaborador será o mesmo en cada unha das quendas.

  1. Significa isto que un monitor só pode atender unha quenda e que non pode atender varias quendas de comida?
  2. Se o anterior é positivo, deben duplicarse os monitores encargados do empratado ou da rexeneración da comida?

14.5. O persoal de cociña ten a obriga de lavar e desinfectar todo o enxoval, e electrodomésticos e utensilios que se utilicen no proceso de elaboración dos menús.

  1. Que medidas se aplican para a desinfección de espazos? As xenéricas do protocolo para o resto de espazos do centro ou as específicas de hostalería?
  2. É necesario desinfectar os espazos ao inicio e fin do comedor? É necesaria a desinfección entre quendas?
  3. Que tipo de desinfección se debe facer? Xenérica con lixivia ou en profundidade con produtos químicos que requiren desaloxo dos espazos?
  4. Cal é a xestión dos aseos aplicables a comedores escolares?
  5. Como se xestiona a necesidade de uso de máis espazos para atender a máis comensais, tendo en conta a restrición de aforo derivada da separación entre comensais? Quen decide a cesión de espazos? Con que criterios? Que condicións de uso?
  6. Corre o centro a cargo dos custos de material de desinfección, limpezas ordinarias, material de protección dos comensais e todos aqueles gastos extraordinarios derivados das medidas impostas polo protocolo?

15.2. Consideracións xerais na aula ordinaria.

15.2. No momento da entrada á aula ou no caso de cambio de aula dedicaranse uns minutos á desinfección da mesa e da cadeira coa dotación de desinfección existente na aula ( panos desbotables e solución desinfectante).

  1. Quen levará a cabo esa desinfección? O propio alumnado? En todos os niveis educativos?

20. Medidas específicas para os recreos.

20.1. Na medida do posible limitaranse espazos para que un grupo de 50 alumnos poida estar distanciado polo menos 1,5 metros, independizando espazos do mesmo aforo.

  1. Quérese dicir que os alumnos estarán tamén no patio separados uns dos outros 1,5 metros? Non se poderán mover do seu espazo asignado?
  2. Queda a criterio do centro educativo o mantemento desa distancia e o aforo total («na medida do posible»)?

22. Medidas específicas para o alumnado de educación infantil e dos dous primeiros cursos de primaria.

22.7. O uso da máscara nestes grupos de idade cando formen grupos estables de convivencia non esixira o uso obrigado de máscara nos recreos ou cambios de clase.

  1. Os recreos faranse en quendas para cada grupo estable? Ou, atendendo á regulación dos recreos, poderase establecer unha zona para un grupo estable e o resto do aforo para ata 50 alumnos a 1,5 de distancia do grupo estable?
  2. Como se articularán os cambios de clase sen máscara e sen achegarse a outros alumnos que cambian de clase e non pertencen a ese grupo estable?
  3. Referenda este parágrafo a posibilidade de utilización do comedor por parte do grupo estable sen manter a distancia interpersoal entre os seus membros?

29. Aulas virtuais e ensino a distancia.

29.2. As aulas virtuais utilizaranse, de ser o caso e nos supostos de educación a distancia, cando menos, co alumnado de terceiro de Educación Primaria en adiante. O seu uso en primeiro e segundo de Educación Primaria quedará a discreción do centro educativo. Nos cursos anteriores habilitaranse fórmulas de comunicación como foros ou videochamadas para manter contacto coas familias e, de ser posible, fornecer contidos educativos para este tipo de alumnado.

  1. Que medidas se aplicarán para asegurar que todo o alumnado dispón de recursos tecnolóxicos (ordenadores, conexión á Internet, etc.) para o caso de ter que implantar o uso da aula virtual e o ensino non presencial?
  2. Considérase unha fórmula válida o ensino non presencial nas etapas educativas sinaladas? Considérase a un alumno menor de 14 anos apto para atender a procedementos dixitais, en contra do que ao respecto sinala a Lei 3/2018, de 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, que sinala a necesaria autorización dos proxenitores para darse de alta en servizos dixitais para os menores de 14 anos?
  3. Que medidas ten previstas a Xunta de Galicia no caso de ter que volver ao ensino non presencial, é dicir, a que familias enteiras teñan que deixar á marxe o seu traballo para dedicalo a ser ferramentas do proceso educativo?
  4. Seranlle subvencionados ás familias os custos derivados de ter que contratar accesos á Internet, mercar material informático e demais cuestións derivadas do uso da aula virtual?

29.3. Na Educación Infantil, no primeiro e segundo cursos de Educación Primaria no que non se usen aulas virtuais, ou no caso doutro alumnado no que non sexa posible o seu uso, arbitrarase un modo alternativo para a comunicación coas familias e o mantemento da actividade lectiva nos supostos nos que se teña que pasar á educación a distancia. Dito modo alternativo quedará recollido na programación didáctica e realizarase unha proba do seu correcto funcionamento durante o tempo que asiste o seu alumnado ao centro.

  1. Que condicións e requisitos debe cumprir o modo alternativo sinalado?
  2. Que esixencias comporta este método para as familias, tanto en custos e recursos tecnolóxicos e materiais, como en requirimentos persoais tendo en conta que falamos de alumnado menor de 8 anos, que loxicamente ten que estar atendido cando emprega ferramentas tecnolóxicas?

29.4. Corresponde ao profesorado que designe a dirección do centro, asistidos de ser o caso polos asesores Abalar, colaborar coa posta en funcionamento e o mantemento da aula virtual. Durante o mes de setembro, antes da asistencia do alumnado ás aulas, crearanse os “cursos” dentro das aulas virtuais, e así como os usuarios para o alumnado e profesorado. Realizaranse as reunións oportunas para informar ao profesorado dos seus usuarios, do modo de ensinar aos alumnos/as a inscribirse nos cursos, e da formación dispoñible (os coordinadores TIC poderán crear modelos básicos que sexan homoxéneos para a totalidade dos cursos e que faciliten o labor do profesorado con menor experiencia no uso). Porase a disposición do profesorado uns videotutoriais para a realización das tarefas de primeira posta en funcionamento da aula virtual.

  1. Que medidas se prevén no caso de non poder cumprir os prazos sinalados, que son, basicamente, os primeiros 10 días naturais de setembro, dos cales só 7 son lectivos, e tendo en conta que este ano o profesorado ten que dedicar recursos e tempo a adaptar os contidos pedagóxicos e a programación do curso escolar para integrar os contidos que non se impartiron no terceiro trimestre do curso 2019-20?

29.8. No mes de setembro, os/as titores/as identificaran ao alumnado que, por mor da falta de recursos ou de conexión no seu fogar, puidera perder o acceso á educación telemática no caso de ensino a distancia, e o notificarán ao equipo directivo. O equipo directivo realizará unha listaxe deste alumnado e as súas necesidades no caso dun eventual paso ao ensino a distancia.

  1. Cales son as condicións que definen a falta de recursos ou a falta de conexión?
  2. Inclúese nesta falta de recursos a imposibilidade de atender os alumnos en caso de ensino a distancia, por mor do teletraballo ou de ter que deixar os fillos a cargo de parentes por causas laborais?

29.9 Continuarase coa oferta de formación en aulas virtuais. As persoas asesoras Abalar de zona e da UAC (Unidade de Atención a Centros) prestarán especial atención para a atención dos problemas tecnolóxicos que poidan xurdir. Para fornecer de contidos á aula virtual o profesorado poderá usar os dispoñibles no espazo Abalar, os que figuran na web do Ministerio, ou calquera outro dispoñible.

  1. Despois da experiencia do período de docencia a distancia que tivemos no terceiro trimestre do curso 2019-20 e dado que no protocolo se fala de «calquera outro dispoñible», que medidas se van adoptar para clasificar e curar os contidos, de xeito que sexan compatibles informáticamente cos estándares actuais, non empreguen tecnoloxías perigosas en termos de seguridade como Java ou Flash, que sexan executables universalmente en calquera plataforma informática e que non supoñan cesión de datos persoais a terceiras empresas de xeito manifestamente alegal?

30. Normas específicas relativas a metodoloxías na aula e programacións.

30.1 As programacións didácticas incluirán a metodoloxía de traballo que se seguirá no caso de ensino a distancia.

30.2 Incluirase na programación o modo de proveer o dereito á educación ao alumnado que non poida seguir a ensinanza telemática. Tamén se incluirán os mecanismos que o profesorado adoptará para asegurar o seguimento continuo do curso polo alumnado.

  1. Deben ser presentadas e aprobadas as programacións na Programación Xeral do Centro e aprobadas no Consello Escolar? En que prazo?
  2. Que medidas se adoptarán para asegurar o seguimento continuo do curso por parte do alumnado?
  3. Cales serán as canles de comunicación coas familias e co alumnado?
  4. Que medidas correctoras se porán en marcha e con que procedementos no caso dun seguimento inadecuado e discontinuo do curso por parte do alumnado?