O protocolo contra a diabete non se aplica por falta de implicación

Rogelio Carballo, presidente da Fanpa, expresa o seu malestar pola non aplicación do protocolo e bota de menos máis implicación do profesorado.

«Son horas de que os profesionais da educación asuman eticamente a obriga que teñen cos nosos fillos, que vai máis aló da simple cuestión académica»

As familias afectadas necesitan que os docentes se impliquen e asuman «sen excusas e con urxencia» a formación contida no protocolo sobre atención ao alumnado con diabete. Ao mesmo tempo a Consellería ten que poñer a disposición dos centros os medios para que «de xeito inmediato todo o profesorado se forme e asuma as funcións recollidas no protocolo».

Familias y Fanpa afirman que el documento no se aplica en los centros educativos

Orixe: La Voz de Galicia

 

Texto completo da declaración:

Sobre a non aplicación do protocolo de diabetes, dende FANPA Pontevedra queremos expresar o noso malestar cunha situación que atenta gravemente contra a saúde dos nosos fillos. A diabete é unha enfermidade grave, e a súa falta de atención nas crises hipo ou hiperglucémicas pode ter consecuencias irreversibles e permanentes para os menores que a padecen, polo que a súa atención no ámbito escolar, no momento en que os pais cedemos a tutelaxe dos nosos fillos, debe garantir o coñecemento e actuación dos membros da comunidade educativa para proceder correctamente cando se presenten estes casos.

Por outra parte, os menores que padecen diabetes teñen o dereito recoñecido pola lexislación educativa de ser escolarizados en condicións de igualdade e integración, sen que elo supoña comprometer a súa seguridade. Este dereito, que no fondo son os dereitos fundamentais á saúde e á escolarización dos menores, non pode poñerse en comparación ou en equilibrio respecto aos dereitos laborais do profesorado e as súas funcións. Esa é unha falsidade que temos que rebatir enérxicamente. Son horas de que os profesionais da educación asuman éticamente a obriga que teñen para cos nosos menores, que vai máis alá da simple cuestión académica. Necesitamos que o profesorado se implique e asuma a formación contida no protocolo sobre “Atención ao alumnado con diabetes”, sen excusas e con urxencia. E ao mesmo tempo, a Consellería de Educación debe poñer todos os medios para que o todo o profesorado se forme e asuma as funcións recollidas no protocolo.

Esiximos que os nenos con diabetes poidan acudir aos centros educativos sen comprometer a súa saúde, e coa certeza de que a comunidade educativa garante a súa seguridade. Resulta desacougante ter que reclamar o dereito á saúde dos nenos en pleno século XXI.