Fanpa anuncia o peche dos servizos de comedor e madruga para o curso 2020- 2021

A federación comunica ás nais e pais de Pontevedra que coa aplicación das medidas de obrigado cumprimento que prevé protocolo contra a COVID-19 resulta totalmente inviable a continuación dos servizos de comedor e madruga que vén prestando desde hai máis de 10 anos e 1000 familias cada día na cidade de Pontevedra.

O mesmo cabe dicir para as actividades extraescolares, porque nas condicións que impón a Consellería de Educación serán inasumibles:

A proposta de normas de funcionamento implican unha redución do 80% na capacidade de acollida, polo que a inmensa maioría dos usuarios estarán fóra de praza; pola outra banda, os que lograsena praza terían que asumir un incremento de como mínimo o 100% e de feito unha selección económica inaceptable para nós.

Certamente necesitamos unhas normas e garantías sanitarias para retomar o curso que vén o máis normalmente posible pero temos que volver insistir en que non estamos sendo nin convocados nin oídos pola Administración. É máis, vemos que nos servizos docentes, nas clases e na organización do transporte as normas son tan diferentes que deixan sen sentido o concepto fundamental dos “grupos burbulla”.

A FANPA está por suposto disposta a seguir prestando estes servizos sempre que a Consellería de Educación, que é a responsable do sistema educativo garanta os seguintes puntos básicos:

  • A atención á totalidade dos usuarios, en condicións de garantía sanitaria, co que implica de ampliación de espazos, flexibilización de horarios e persoal.
  • Mantemento do mesmo custo para as familias
  • Unha canle de comunicación, colaboración e corresponsabilidade por parte da Consellería coas familias, principio e fin destes servizos.

A FANPA resérvase, naturalmente e en dereito, exercer todas as accións no ámbito da educación, a sanidade, a xustiza, o traballo e tanto administrativas como xudiciais para esixir as responsabilidades persoais e materiais a que haxa lugar.

Comentarios0

Deixa unha resposta