Comunicado de Confapa Galicia sobre as instrucións do 27 de abril para o 3º trimestre

CONFAPA-Galicia, en representación das nais e pais do ensino público non universitario de Galicia, quere poñer de manifesto a confusa e dispar situación que se está a dar nos centros educativos da nosa Comunidade desde a publicación das Instrucións de 27 de abril de 2020 da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, derivada dos criterios que nesa Resolución quedaron abertos á interpretación polas concretas comunidades educativas e que teñen xerado a día de hoxe, á parte da desinformación xeral, non poucas desigualdades na impartición da terceira avaliación, pragada de casuísmos, particularidades e aínda fondas diverxencias coa regulamentación establecida.

As disposicións contidas no artigo 6 desas ditas instrucións, que posibilitan “centrar as actividades lectivas do derradeiro trimestre nas aprendizaxes e competencias imprescindibles que deberían desenvolver os alumnos e as alumnas, en función da súa etapa, curso, área ou materia”, e por tal motivo desenvolver “actividades de ampliación das aprendizaxes anteriores que resulten necesarias para todo ou parte do alumnado”, están a ser a base xurídica utilizada por non poucos docentes e departamentos para avanzar materia, dando por impartidos telematicamente os contidos, mesmo para avaliar o alumnado. E esta situación está a producirse , ademais, por non existir o mais mínimo control ou supervisión polas autoridades educativas competentes, que teñen deixado nas mans dos centros un abano de posibilidades que cadaquén interpreta, asume e resolve exclusivamente ao seu xeito.

Así as cousas, as familias estamos a vivir unha situación a todas luces insostible, sumidos nun caos sanitario, laboral, económico, de conciliación…, que o caos educativo imperante non fai senón agrandalo aínda mais. As familias non somos docentes, non temos nin a súa formación ou capacitación, nin medios tecnolóxicos ao noso alcance, nin sequera o tempo necesario para suplir o traballo dos mestres; nin é, por suposto, o noso labor.

E se os plans específicos, no que atinxe á adaptación das programacións didácticas no terceiro trimestre, non estarán á disposición dos centros ata o 12 de maio, como indica o parágrafo 6.13 das Instrucións, e de aí pasará á Inspección educativa, para cando a información ás familias? Vai para dous meses e seguimos sen ser tidos en conta malia ser, sen querer, os grandes protagonistas dun sistema educativo sumido na indeterminación e nunha discriminación efectiva do alumnado carente da mais mínima xustificación.

Todas estas razóns leváronnos á solicitarlle á Consellería no día de hoxe:

– A concreción das Instrucións do 27 de abril, particularmente no que se refire á imposibilidade de calquera tipo de avance de contidos na terceira avaliación do presente curso escolar.

– A efectiva supervisión polas autoridades educativas competentes, de canto se está a a facer nos centros educativos e a conseguinte obriga para os equipos docentes de reformulación das programacións didácticas que se teñan adaptado, desbotando delas o avance de contidos que poidan conter.

– A obriga para os centros educativos de inmediata clarificación ás familias dos criterios de seguimento da terceira avaliación, con específica indicación do carácter exclusivamente diagnóstico de todas as probas avaliativas que no seu caso se lle fagan ao alumnado.

– Diálogo permanente cos representantes das familias organizadas nas súas confederacións de ANPA.

Xunta Directiva de CONFAPA-Galicia

Descargar en PDF