As melloras nos centros de Pontevedra teñen un impacto directo na matrícula

O proceso de matrícula en infantil acaba de rematar deixando por un lado un saldo de 233 prazas libres na cidade de Pontevedra e por outro a 4 centros que terán que baremar as solicitudes para proceder á matrícula; ao mesmo tempo algúns centros recuperan matrícula e outros auméntana como resultado dunha demanda moito máis equilibrada entre os distintos centros públicos.

A FANPA salienta especialmente a mellora notable na solicitude de matrícula de dous centros que se debe sen dúbida ao esforzo dos membros da súa comunidade é ás novas condicións que ofrecen para facer a súa oferta máis atractiva. Así que por un lado a FANPA congratúlase coa ANPA do CEIP A Carballeira de Lourizán por máis ca duplicar as solicitudes de matrícula, ao pasar de 5 a 11 prazas, grazas ao novo servizo de comedor do que disporá este ano e tamén á campaña realizada pola ANPA para dar a coñecer ao público a súa oferta de calidade educativa; e outro tanto se pode dicir no caso do CEIP de Barcelos que tamén se implicou nunha campaña de portas abertas que o levou a pasar de 9 a 23 solicitudes de matrícula, sobre un total de 50 dispoñibles para as dúas unidades que grazas a este aumento de matrícula se recuperarán no vindeiro curso.

Un perfil diverso entre os centros tamén proporciona oportunidades de adaptación a todo tipo de necesidades familiares, coma no caso do Crespo Rivas que sostén unha oferta de xornada partida que se adapta incluso a nenos que proveñen doutros centros pero con pais con centro de traballo na cidade.