As ANPA de Caldas de Reis solicitan a aplicación de medidas de seguranza nos camiños escolares

Dende a Asociación de Nais e Pais de Alumnos do CPI Alfonso VII de Caldas de Reis, queremos trasladar a nosa enorme preocupación pola situación de inseguridade que existe nos accesos aos centros educativos de Caldas de Reis, sendo de especial preocupación para o noso centro, o CPI Alfonso VII.
Nunha xuntanza na que tivemos ocasión de participar a principios do curso 2014/2015 co resto de ANPA e o CONCELLO, puxemos sobre a mesa unha proposta de “Circuito escolar de seguridade”, que permitise facer unha ruta máis segura, e o acondicionamento das vías con pasos elevados, que obriguen aos vehículos a reducir a velocidade.
Esta situación sufrímola cada día con situacións de perigo como freadas bruscas, invasións dos pasos de peóns e como sucedeu hoxe e vimos advertindo dende fai moito tempo e cada vez que temos ocasión, cun atropelo á hora da entrada escolar, por un paso que utilizan familias que acceden ás aulas de infantil (pasadas as 9 da mañá).
Hoxe mesmo, e froito da casualidade, posto que o viñamos preparando dende fai tempo, vimos de presentar o escrito que achegamos remitíndonos á Deputación de Pontevedra e en concreto ao Deputado de Mobilidade para que se aplique en Caldas de Reis  o PLAN MÓVETE,  que xa se puxo en marcha en outros concellos. E tamén fixemos constar que esta petición se presentou xa en febreiro de 2016 no Rexistro do Concello solicitando estes puntos e desestimou levalo a pleno “in extremis” porque ao parecer non é competencia desta administración, aínda que nós entendemos que sempre é competencia dun Concello (sexa cal sexa) velar polos intereses dos seus cidadáns cos recursos propios ou intercedendo con outras administracións, sobre todo cando se trata da seguridade das persoas.
Pasos de peóns Deputación