Vicepresidencia convoca o programa Gzcrea 2008

Orde do 4 de abril de 2008 pola que se convoca o programa Gzcrea 2008.

O Real decreto 2434/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de cultura, especifica no seu anexo I.B.3.h que aquela asume as competencias de promoción e organización de actividades de animación sociocultural no ámbito artístico, artesanal, turístico e de aire libre, dirixidas aos sectores da xuventude, infancia, terceira idade e sectores marxinados.

Polo exposto, a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, consciente da importancia que ten facilitar vías polas que poida manifestarse a inquedanza artística individual e colectiva da xuventude galega, convoca unha serie de actividades que abranguen un amplo abano de manifestacións de carácter artístico e que constitúen o programa Gzcrea 2008.

Por todo isto,
DISPOÑO:
Capítulo I
Parte xeral
Artigo 1º.-Obxecto.
Esta orde ten por obxecto establecer as bases que rexen o programa Gzcrea 2008, que convoca a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e que inclúe as especialidades de teatro, artes plásticas, moda, música, relato, poesía, videocreación, banda deseñada, graffiti, carteis, videoclips, composición para banda de música e deseño de xoias.

Artigo 2º.-Orzamento.
As actividades que impliquen o desenvolvemento deste programa serán pagadas con cargo á partida orzamentaria 05.42.313A.640.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008, cunha contía de 102.950 euros.

Artigo 3º.-Destinatarios.
Poderán solicitar a participación os mozos ou mozas galegos/as ou residentes en Galicia, non profesionais, con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos de idade cumpridos no ano 2008.

DOG 14/04/08