VI Salón do Libro Infantil e Xuvenil

Pontevedra, 30 de xaneiro a 5 de febreiro de 2005.
OS CLÁSICOS DA LITERATURA INFANTIL E XUVENIL, TEMA DO SALÓN DO LIBRO DE PONTEVEDRA 2005.
 
 
 
 
 
OS CLÁSICOS DA LITERATURA INFANTIL E XUVENIL, TEMA DO SALÓN DO LIBRO DE PONTEVEDRA 2005.
 
A organización do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra (Concello de Pontevedra, AS-PG e Asociación máislibros) anuncia a VI edición deste encontro literario, que terá lugar no Pazo da Cultura de Pontevedra entre o domingo 30 de xaneiro e o sábado 5 de febreiro de 2005.
Como en anteriores edicións, o Salón inclúe diversas actividades ao longo dunha semana, en horario de mañá, tarde e noite: exposicións, mostra de libros, intervencións artísticas, actividades para escolares, obradoiros formativos, actividades de animación, encontros con escritores, presentación de iniciativas sobre o libro e a lectura, actuacións musicais e teatrais, etc. Polo que se refire ás exposicións, ambientacións de espazos e mostra de libros, estas actividades prolónganse durante todo o mes de febreiro, período de tempo no que se programarán visitas de centros escolares, asociacións e outras entidades.
 
“Clásicos universais”
Nesta edición o Salón terá como tema os “Clásicos da literatura infantil e xuvenil”, prestando polo tanto atención ás grandes obras da literatura universal sobre as que existe certa unanimidade á hora de consideralas “clásicas”. A organización traballa na elaboración dunha relación de obras e autores de referencia, así como dunha guía de obras traducidas ao galego, co obxecto de promover o coñecemento e a lectura dos clásicos desde a nosa lingua.
Dentro da amplitude do tema, queda aberta a posibilidade de prestar especial atención a autores e obras sobre os que están previstas conmemoracións ao longo do ano 2005:
-Hans Christian Andersen (1805-1875): conmemoración do II centenario do nacemento.
-Jules Verne (1828-1905): centenario do falecemento.
– O Quixote: conmemoración do IV centenario da publicación (1605).
– O señor dos aneis de JRR Tolkien: conmemoración dos 50 anos da publicación (1955).
A organización prevé tamén incluir no programa a homenaxe anual a un autor galego; nesta edición centraríase na figura de Xosé Neira Vilas e na súa obra Memorias dun neno labrego.
 
“Clásicos na escola”
Nestes momentos a organización convocou a actividade “Clásicos na escola”, dirixida a centros escolares de Pontevedra e comarca interesados en participar no Salón do Libro. Con esta iniciativa trátase de animar a profesorado e alumnado a desenvolver unha programación arredor dos clásicos, ao tempo que se elaboran materiais que máis adiante formarán parte dunha das mostras colectivas do Salón e dun libro que se publicará no mes de abril.
 
 
 
 
 
 
“Clásicos en galego”
Un dos obxectivos desta edición é dar a coñecer as obras clásicas que xa están traducidas e editadas en galego, moitas máis das que se puidera pensar a priori. Ao mesmo tempo, tamén queremos contribuir a impulsar novas traducións ao galego de obras universais, tarefa para a que nos poñemos a disposición de todas as entidades e institucións comprometidas nesta tarefa.
Unha das dificultades que advertimos é o descoñecemento sobre as numerosas obras traducidas ao galego, o que tamén dificulta a súa entrada na escola e noutros ámbitos. Por iso nos propoñemos elaborar unha guía completa e actualizada sobre a cuestión, para o que nos gustaría contar coa colaboración de todas as entidades que poidan fornecer datos ao respecto.
A nosa intención é que o Salón de Pontevedra ofereza unha ampla mostra clásicos en galego, polo cal nos dirixiremos ás editoriais para que xunto cos libros que nos ceden cada ano preparen unha completa mostra das obras que teñen publicadas.
Dada a proximidade cultural e lingüística, tamén estabeleceremos contacto con diversas entidades e institucións portuguesas, co obxecto de que nos proporcionen toda a información disponíbel sobre obras da literatura infantil e xuvenil universal traducidas ao portugués.
Agradeceríamos moito que nos fixesen chegar toda a información que consideren de interese en relación co tema do Salón e aproveitamos a ocasión para invitalos a asistir a este encontro literario.
 
Co agradecemento pola súa sensibilidade e polo seu traballo, e co ánimo de seguir xuntando enerxías a favor da promoción do libro e da lectura, reciba un cordial saúdo.
 
Pontevedra, 9 de novembro de 2004.
 
 
Asdo.
 
 
 
 
Luis Bará Torres,
Concelleiro de Cultura.
 
 
 
Poden contactar coa organización do Salón en:
    Salón do Libro Infantil e Xuvenil
    Pazo da Cultura de Pontevedra
    Rúa Alexandre Bóveda, s/nº-PONTEVEDRA
   Tel. 986 833 061 / 986 874 070
    Fax. 986 874 070
   Correo electrónico: programacion@pazodacultura.org