Unha orde da Consellería de Educación regulará a repetición de curso no Bacharelato

O Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria asinará nos vindeiros días unha Orde que regulará a promoción de curso entre 1º e 2º de bacharelato na que, entre outros aspectos quedará determinado que o alumno que suspenda máis de dúas materias deberá superar novamente o curso enteiro posto que será cualificado de todas as materias. Ademáis se fixará un criterio pechado para casos excepcionais.
Coa devandita Orde cúmprese ao pe da letra a Lei Orgánica de Educación (LOU) que fora vulnerada polo decreto 1467/2007 do Ministerio, segundo se desprende da sentencia emanada o pasado 2 de febreiro polo Tribunal Supremo. Logo do fallo da citada instancia xudicial, o Ministerio de Educación convocaría a Conferencia Xeral de Educación sobre a Promoción do Bacharelato á que asistirían os Conselleiros do ramo de todo o Estado. Posteriormente, e ante a falta de acordo, celebraríase a Comisión Xeral de secretarios da que tampouco sairía un texto aceptado por todas as partes.
Diante da deixación de funcións do Ministerio, ao que competía regular a situación trala desautorización do Supremo, a Consellería de Educación decidiu traballar na elaboración dunha nova norma de aplicación en Galicia, que sexa acorde coa legalidade vixente e que supere o descontento xenerado pola inacción ministerial e o baleiro legal que viñan mantendo nos últimos meses.

Fonte: Xunta de Galicia