Un banco de tempo está a nacer en Pontevedra

A entidade  "ADR PRODER II – Comarca de Pontevedra"  está a traballar en por en marcha un Banco de tempo de ámbito comarcal que abranga os Concellos de Pontevedra, Poio, Vilaboa, Ponte Caldelas e Barro.

O banco de tempo consiste en por en rede a un Grupo de persoas que intercambian o seu tempo para a realización de diversos servizos. Isto significa que poñen a disposición do resto dos socios unha lista de tarefas que poden ofrecer e unhas horas determinadas de tempo que poden dedicar a esas tarefas. A cambio, reciben a dedicación desas mesmas horas noutros servizos”.

Por tratarse dunha iniciativa que está a desenvolver a Consellería de Traballo como desenvolvemento do TÍTULO VI da Lei 2/2007 do Traballo en Igualdade das Mulleres de Galicia, mantívose na mañá de hoxe unha reunión dos técnicos da ADR con D. Jesús Vázquez Portomeñe, Secretario Xeral da Consellería de Traballo.

A reunión, a que asistiron Laura Nieto Zas en calidade de xerente e Juan Manuel Cernadas Pintos como axente de emprego da ADR PRODER II Comarca de Pontevedra, foi de grande interese xa que a iniciativa da ADR foi moi ben recibida pois abre a posibilidade de contar con interlocutores próximo a aos cidadáns da comarca.

Dende a Consellería de Traballo indicouse o interese en que a ADR participe no proceso consultivo do desenvolvemento dos futuros instrumentos nos que está a traballar a Consellería de Traballo para o lanzamento dos Bancos de Tempo e a implantación destes no territorio.